A Deputación leva esta fin de semana o ciclo +Escénicas a Vila de Cruces, Agolada e Forcarei con catro espectáculos para todos os públicos

O sábado a compañía de teatro Malasombra representará “Os fabulosos cleaners” no Auditorio municipal Xosé Casal de Vila de Cruces ás 18:00 horas

17/12/2025

A Deputación de Pontevedra leva esta fin de semana o circuíto +Escénicas aos concellos de Vila de Cruces, Agolada e Forcarei con catro espectáculos para todos os públicos. O sábado a compañía de teatro Malasombra representará "Os fabulosos cleaners" no Auditorio municipal Xosé Casal de Vila de Cruces ás 18:00 horas; e o domingo "A cheminea do Apalpador", de Jorge Rey, e "Auga  terra: a pel do territorio", de Inés Piñeiro e Giovanni Peixoto, nos Pendellos de Agolada ás 18:00 e 19:00 horas respectivamente; e "A tola academia de maxia", do Mago Charly Braun, no Centro Social de Forcarei ás 17:30 horas. Trátanse de actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

O espectáculo "Os fabulosos cleaners" de Malasombra representarase no Auditorio municipal Xosé Casal de Vila de Cruces a partir das 18:00 horas do sábado e está pensado para todos os públicos. Trátase dunha experiencia visual con pompas de xabón, creada por Luis Beviá e Xoque Carbajal, que conta como dous operarios da limpeza do teatro  descobren por casualidade as múltiples posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. Os personaxes emprenderán así unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas burbullas: pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. Os espectadores de Vila de Cruces camiñarán da man destes personaxes por un mundo máxico, cheo de cor e moito humor.

Xa o domingo, o espectáculo "A cheminea do Apalpador" representarase ás 18:00 horas nos Pendellos de Agolada. O Apalpador ten unha cheminea moi especial e son moitas as persoas que acoden a levar palabras, lembranzas, contos e historias, mesmo oficios que se están a perder, pero hai que ter moito coidado porque tamén poden aparecer ladróns da memoria. Tamén nos Pendellos, ese mesmo día e ás 19:00 horas, terá lugar "Auga e terra: a pel do territorio": unha performance na que a pel é o territorio, é o externo, mais tamén o máis profundo.

Pola súa banda, "A tola academia de maxia", do Mago Charly Braun, abrirá as súas portas no Centro Social de Forcarei tamén o domingo ás 17:30 horas. Trátase dun show moi tolo no que Charly reclutará novos alumnos e alumnas para a maior e máis tola academia de maxia do mundo. Un espectáculo dinámico onde o público de calquera idade poderá participar e rir con el.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.