Esgotadas en media hora as prazas para as oito rutas dos “Bosques Terapéuticos” do mes de maio

Os baños de bosque celebraranse entre o 6 e o 28 de maio pola Fervenza da Toxa, o Lago de Castiñeiras, a Carballeira de San Xusto, a Illa de Tambo, a Ruta da Pedra e da Auga, o Río Eifonso e pola contorna da Ponte Colgante do Lérez 

17/04/2023

En pouco máis de media hora esgotáronse esta mañá as 120 prazas das oito rutas dos “Bosques Terapéuticos” programadas pola Deputación para o vindeiro mes de maio. E ao igual que ocorreu cos itinerarios de abril, a Illa de Tambo volveu ser a ruta máis demandada, de xeito que as prazas para este espazo natural cubríronse en cuestión de minutos.

Os percorridos do mes de maio terán lugar todos os sábados e domingos e espallaranse pola Fervenza do Toxa (Silleda), o Lago de Castiñeiras (Vilaboa-Marín), a Carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade), a Illa de Tambo (Poio), a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), o Río Eifonso (Vigo) e pola contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro). En concreto, o día 6 de maio os “Bosques Terapéuticos” chegarán ata a Fervenza do Toxa, mentres que o 7 e o 13 recalarán no Lago de Castiñeiras e o día 14 na Carballeira de San Xusto. O sábado 20 de maio continuarán pola Illa de Tambo e o domingo 21 pola Ruta da Pedra e da Auga. Finalmente, o día 27 de maio o programa chegará ao Río Eifonso e o 28 percorrerá a contorna da Ponte Colgante do Lérez.

A inscrición para os baños de bosque de xuño abrirase o 15 de maio, mentres que para as de xullo arrancará o 12 de xuño e para as de agosto, o 17 de xullo. En todos os casos, este prazo rematará dous días antes da ruta. As persoas interesadas da provincia poden formalizar a súa solicitude a través da páxina web da Deputación www.depo.gal. Para cada un dos percorridos ofertaranse 15 prazas, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se necesitan para o desenvolvemento da actividade. Por iso as visitas, destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e cunha duración de entre hora e media e 2 horas, comezarán ás 10 horas para a procura de tranquilidade e conexión coa natureza. Ademais as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.