A Deputación prevé un 68% de ocupación hoteleira na provincia para a Semana Santa, dez puntos máis que no 2022

Carmela Silva: “Esta Semana Santa vai ser extraordinaria, e existe confianza, baseada nos datos rigorosos e non en intuicións, de que os datos finais mellorarán esta tendencia de liderado que temos na provincia”

31/03/2023

Rolda prensa da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva

“Esta Semana Santa vai ser extraordinaria e este vai ser un gran ano para o sector turístico da provincia”, subliñou hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao avanzar as estimacións para os vindeiros días no destino Pontevedra Provincia. Deste xeito, apuntou que o 68% de ocupación prevista nos  establecementos hoteleiros para a Semana Santa supera en dez puntos os resultados do mesmo período do 2022. “Son datos rigorosos, baseados en estatísticas e non en intuicións e existe confianza –subliñou- en que os datos finais á volta da Semana Santa confirmarán e mellorarán esta tendencia de liderado que temos na provincia”. Ademais, nos días festivos, agárdase que a porcentaxe se sitúe entre o 75 e o 77%  se a meteoroloxía acompaña.

As “máis que notables” estimacións poñen de relevo, como destacou a presidenta provincial, “a recuperación trala pandemia e tamén a preferencia por un destino multiexperiencial como é a nosa provincia para estas vacacións. O sector, aínda con prudencia, coincide coas estimacións do barómetro de Turismo Rías Baixas que confirmaría, sen lugar a dúbidas, a recuperación da actividade turística na temporada de Semana Santa nun destino que ofrece os tres elementos máis buscados polas persoas viaxeiras: paisaxe, gastronomía e plans para desfrutar en familia”.

Carmela Silva recalcou que aínda quedan por pechar reservas de última hora, xa que neste período a afluencia é dun turismo de proximidade que, entre outras cuestións, ten en conta as previsións meteorolóxicas “que parece que non van ser malas”. Tamén detallou as estimacións de ocupación hoteleira por comarcas, remarcando que en todas se van superar os datos acadados na Semana Santa do 2022. Así, na comarca de Vigo, prevese un 70%  de ocupación (no 2022 foi do 61%.), superando o 75% na cidade olívica (no 2022 foi dun 60,8%), o 62% en Baiona (fronte ao 55,9% do pasado ano), e situándose por riba do 75% nos días festivos en ámbalas dúas localidades.

No caso do Morrazo, a estimación é dun 69% (no 2022 foi do 60,7%), mentres que O Salnés superará o 68% (moi por riba do 58,9% do 2022). Neste caso en Sanxenxo prevense porcentaxes entre o 68% e o 70% (8 puntos máis que o ano pasado e coa previsión de chegar ao 80% nos festivos) e no Grove do 65% (fronte ao 54,7% do 2022). Por outra banda, na comarca do Condado-A Paradanta espérase un 68% (7 puntos máis que na Semana Santa do 2022); no Baixo Miño un 66% (o pasado ano foi do 55,5%); na comarca de Caldas un 62% (4 puntos máis) e na de Pontevedra un 60% (7 puntos máis que no 2022), superando o 65% na cidade de Pontevedra (3 puntos máis que o rexistrado o ano pasado). Nas comarcas de Deza-Terra de Montes agárdase un 60% de ocupación (na Semana Santa do 2022 foi do  58,3%).

No que atinxe ao turismo rural, a ocupación media na provincia sitúase no 64%, con previsión de superar o 70% nos días festivos, porcentaxe que supera amplamente a ocupación do 42% do pasado ano. Por comarcas, a previsión máis alta sitúase no Baixo Miño (68%, fronte ao 63,7%  do 2022), seguida da comarca de Caldas (63% fronte ao 58,6% da Semana Santa do pasado ano); Deza-Terra de Montes (55%, mentres que no 2022 fora do 34,2%); O Salnés (52%, superando o 46,4% do pasado ano); a comarca de Pontevedra (cun 47%, 6 puntos máis que no 2022); a comarca de Vigo (41%, 3 máis que no 2022); O Morrazo (41%, tamén con suba respecto ao 38,2% do 2022) e Condado-A Paradanta (39% fronte ao 32,9% do pasado ano).

Por último, nas vivendas turísticas, cuxas estimacións tamén están influenciadas polas reservas de última hora e pola meteoroloxía, xa se sitúan no 72% no conxunto da provincia, con especial incidencia nos municipios turísticos e nas cidades de Vigo e Pontevedra, que poderían chegar ao 82%.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.