A provincia saca músculo turístico en setembro e mantén o seu liderado en Galicia cun 62% de ocupación, nove puntos máis que en 2021

Carmela Silva: “Os datos son magníficos en todas as comarcas: é un dos mellores setembros dos últimos anos e xa estamos nos parámetros previos á pandemia”

30/09/2022

Rolda de prensa 30-09-2022

O turismo segue nunha espectacular dinámica na costa e no interior das Rías Baixas. Tras uns meses de xullo e agosto históricos en visitas, a provincia volveu sacar músculo en setembro cunha ocupación media do 61,8%, o que supón 9,3 puntos máis que no mesmo período de 2021. “Os datos son magníficos en todas as comarcas, nalgúns casos espectaculares. É un dos mellores setembros dos últimos anos e xa estamos nos parámetros previos á pandemia”, destacou ao facer balance a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

A presidenta explicou que o resultado de setembro superou as propias expectativas da institución, que situara a previsión no 59%. A provincia revalida o seu liderado en Galicia e rexistra aumentos que chegan ao 28% nalgunhas comarcas, como é o caso de Condado-Paradanta. A comarca de Vigo obtivo a ocupación máis alta, co 71,5%, seguida de Caldas cun 70,2% e un espectacular incremento do 23%. Pontevedra e Baixo Miño situáronse por riba do 63%, mentres que Condado-Paradanta alcanzou o 62%, O Salnés obtivo case un 58%, Deza-Tabeirós superou o 51% e O Morrazo acadou o 49%. Estes son os datos comarcalizados:

Comarca setembro 2022 (%) Incremento sobre 2021
Vigo 71,5 3
Caldas 70,2 23
Pontevedra 63,5 1,5
Baixo Miño 63,1 13
Condado-Paradanta 62,1 28
O Salnés 57,7 4,3
Deza - Tabeirós 51,5 8,5
O Morrazo 49,3 0,3

En canto aos concellos, as cidades situáronse á cabeza, co 75,1% de ocupación en Vigo e o 73,4% en Pontevedra. Respecto a outros polos turísticos da provincia, Baiona chegou ao 69,2%, cun crecemento de tres puntos, mentres que Sanxenxo rozou o 58% cun aumento do 5,8% e O Grove acadou o 54,3%.

Concello Agosto 2022 (%) Incremento sobre 2021/ 2019 (%)
Vigo 75,1 1,5
Pontevedra 73,4 0,5
Baiona 69,2 3
Sanxenxo 57,8 5,8
O Grove 54,3 2,3

A presidenta da Deputación cualificou tamén de “moi positivos” os datos dos aloxamentos de turismo rural, cunha ocupación media do 48,8%. “Son case tres puntos máis que no 2021”, indicou Carmela Silva. Neste apartado as comarcas de Caldas e Baixo Miño obtiveron as maiores porcentaxes de ocupación, por riba do 62%. Destaca ademais o aumento de 20 puntos respecto a setembro do ano pasado en Pontevedra e a súa contorna.

Comarca Agosto 2022 (%) Incremento sobre 2021/ 2019 (%)
Caldas 62,5 0,5
Baixo Miño 62,2 10,2
O Morrazo 57 1
O Salnés 54,9 13,6
Pontevedra 53,7 20
Vigo 46,1 1
Condado-Paradanta 42,2 1,7
Deza - Tabeirós 38,3 3,3

A máxima responsable provincial tamén aportou datos sobre a ocupación de vivendas turísticas, que superou o 60%; e sobre as visitas ás fortalezas de Soutomaior e Sobroso. “Foi un verán histórico nos castelos”, afirmou. Soutomaior recibiu a 3.670 persoas, un milleiro máis que en setembro de 2021, mentres que Sobroso, que en 2021 estivo pechado polas obras de musealización, foi visitado en setembro por 829 persoas. “No conxunto do verán alcanzáronse as 23.200 persoas no castelo de Soutomaior e máis de 7.000 en Sobroso”, expuxo Carmela Silva.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.