A Deputación aproba o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-2506 entre Arbo e A Cañiza
As obras contan cun orzamento de 284.000 euros e renovarán o pavimento da estrada, de case tres quilómetros de lonxitude
10/04/2022
As persoas que transiten pola EP-2506, na comarca da Paradanta, gozarán dunha infraestrutura máis moderna trala aprobación por parte da Deputación, na última sesión de Xunta de Goberno, do proxecto de mellora da seguridade viaria nesta estrada provincial, que dá acceso á parroquia de Luneda (A Cañiza). As actuacións neste viario, que discorre polo territorio dos concellos de Arbo e A Cañiza, teñen un orzamento de 284.000 euros e están en consonancia co modelo de mobilidade amable, segura e integral que a Deputación está a espallar por toda a provincia.
As actuacións realizaranse na totalidade do percorrido da estrada, que ten case tres quilómetros de lonxitude, e suporán unha importante mellora da plataforma. Así, para mellorar a seguridade viaria, repararase a estrada mediante a aplicación dun tratamento superficial e o reforzo do firme existente. Por último, a obra complétase coa reposición da sinalización horizontal e vertical.
A EP-2506 é un dos viarios que conforman a rede provincial de estradas desta comarca. A rede provincial está composta por 377 vías e conta con aproximadamente 1.700 quilómetros de lonxitude total. A Deputación executa tódalas súas obras de acordo cos criterios fixados nun Decálogo aprobado no seu Pleno que pon a seguridade viaria por enriba de calquera outra consideración. Nel establécese a priorización das necesidades dos sectores máis vulnerables (como as persoas que camiñan ou as e os ciclistas), o fomento do calmado de tráfico ou o tratamento específico ás áreas de especial interese para poñer en valor o patrimonio e integralo en cada actuación.