A Deputación leva ata Vilagarcía de Arousa a exposición do papel das mulleres pioneiras na investigación e nas ciencias mariñas para celebrar o 8M

A mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” poderá visitarse desde mañá martes ata o vindeiro 26 de marzo no CEIP A Escardia e incluirá por vez primeira un obradoiro para o alumnado de infantil do centro

02/03/2026

A Deputación de Pontevedra visibiliza en Vilagarcía de Arousa o papel das mulleres pioneiras na investigación e nas ciencias mariñas a través da mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, promovida pola institución provincial en colaboración coa Universidade de Vigo. A exposición, enmarcada na programación A nosa meta: a igualdade, deseñada polo organismo provincial con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres, será inaugurada mañá no CEIP A Escardia, onde poderá visitarse ata o 26 de marzo.

A mostra afonda no papel destacado, e moitas veces invisibilizado, que as mulleres tiveron ao longo da historia na sustentabilidade do mar e no uso responsable dos recursos mariños. Desta maneira, recóllense oficios das mulleres do mar, desde 1914 ata a actualidade, comezando polos máis antigos, como os de mariscadora ou redeira, ata as investigadoras mariñas, pasando por aquelas que traballaron na salga e na conserva. Para amosar os contidos a exposición está composta por vídeos e fotografías, así como imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar o saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva.

Ademais da inauguración da exposición, e como novidade este ano, a profesora Tamara Amorín, que participou na investigación que levou a esta mostra, impartirá un obradoiro o vindeiro 26 de marzo, adaptado este ano ao alumnado de educación infantil no que, a través da historia de Emma, unha rapaza moi curiosa que nos convida a acompañala no seu percorrido pola exposición, o alumnado poderá coñecer o papel que as mulleres veñen desenvolvendo desde sempre na conservación dos océanos e na explotación sustentable dos recursos mariños. Coñecerán así os oficios femininos invisibilizados ligados ao mar e poderán achegarse, de maneira lúdica e adaptada a súa idade, aos conceptos de coidado, respecto e responsabilidade ambiental.