A Deputación conmemora o 8M cun convite para unirse á marcha cara a meta da igualdade: “A carreira pola igualdade nos convoca a todos e debemos estar á altura”

A directora deportiva do Traviesas Hockey Club, Marina Pérez, foi a encargadas de ler un manifesto que pon o foco na mocidade e no impacto limitante que están a ter as redes sociais á hora de construír a personalidade e fixar as aspiracións das nenas

06/03/2026

A Deputación conmemora o 8M cun convite para unirse á marcha cara a meta da igualdade: “A carreira pola igualdade nos convoca a todos e debemos estar á altura”

A Deputación de Pontevedra vén de conmemorar este venres o Día Internacional da Muller cun acto no vestíbulo do Pazo provincial cun convite para a veciñanza de toda a provincia a unirse a unha marcha conxunta que ten como meta a igualdade. O presidente Luis López foi o encargado de clausurar un acto celebrado no vestíbulo do Pazo provincial, no que a directora deportiva do Traviesas Hockey Club, Marina Pérez, foi a encargada de ler o manifesto institucional co acompañamento da música do grupo do Conservatorio Superior de Vigo e a mirada dos integrantes do goberno provincial e representantes de concellos, do sector empresarial e do tecido social de toda a provincia.

“A carreira pola igualdade nos convoca a todos sen excepción e todos debemos estar á altura. Esta non é unha carreira individual, senón unha marcha conxunta. E na meta non agardan podios nin medallas, senón algo aínda máis importante: a satisfacción de construír unha sociedade que non discrimina e que ofrece oportunidades sen mirar o DNI. A Deputación xa está en marcha: encabézana as mulleres, co apoio de toda esta provincia”, declarou o mandatario provincial para concluír un acto que rematou coa estrea do spot oficial da Deputación para conmemorar o Día Internacional da Muller.

A celebración desta xornada comezou coa lectura do manifesto por parte Marina Pérez, directora deportiva do Traviesas Hockey Club, unha entidade de referencia no impulso aos valores do deporte na provincia. “É imprescindible que asumamos, como sociedade, a responsabilidade que nos corresponde. Porque o que fagamos —ou deixemos de facer— hoxe terá consecuencias reais mañá. Este 8M vai por todas as nenas e adolescentes que hoxe están crecendo e construíndo quen queren ser, polas mulleres que seguen marcando o camiño. Vai por todas as que non estamos dispostas a dar pasos atrás, pero que tampouco queremos ter que avanzar soas. Porque avanzar non debería ser unha batalla individual, debería ser un compromiso compartido”, defendeu a única adestradora feminina a nivel nacional dun club de hóckey masculino.

Un manifesto no que Marina Pérez alzou a voz en nome de toda a provincia para poñer o foco sobre o impacto das redes sociais na mocidade da provincia. “Desde hai algún tempo, estamos a transitar un momento especialmente complexo. Vivimos nunha época na que as redes sociais non só entreteñen: educan. Moldean

referentes, constrúen aspiracións e definen que é éxito e que é desexable. Nesa contorna están a gañar espazo discursos que evocan un pasado ao que non queremos volver e presentan como ideal mulleres que non incomodan, que non cuestionan e que reducen o seu proxecto vital para encaixar en expectativas alleas.

Non só intentan definir como debe ser unha muller, senón que presentan a igualdade como unha ameaza.

Instálase así unha idea profundamente limitante: que para que uns se sintan seguros, outras deban facerse máis pequenas”, alertou a adestradora para pedir consenso no camiño cara a igualdade porque “de nada vale derrubar muros se outros veñen detrás e os volven levantar por non se sentir parte do proceso. Non basta con combater, tamén hai que convencer”.

Facendo uso do lema provincial para o 8M, “A nosa meta, a igualdade”, o presidente Luis López falou dunha “carreira na que hai unha meta irrenunciable, unha igualdade que aínda non alcanzamos; unha carreira das máis importantes dos nosos tempos, na que non concibo outro escenario que o da unidade para percorrela xuntos: e unha carreira que nos vai requirir esforzo, investimento, persoas, habilidade para superar obstáculos, altura de miras para rachar teitos, tenacidade e tamén rebeldía para completala como se debe”.

“Unha marcha conxunta”, resumiu o presidente, na que a Deputación segue a dar pasos adiante cun investimento de 6M€ para promover políticas de igualdade e loitar contra a violencia machista, para promover foros como ‘Mulleres no Foco’ ou ‘As Mulleres que Opinan son Perigosas’ ou certames como ‘Ti que Pensas da Igualdade’ ou ‘Boas Prácticas en Igualdade’; ou coa presenza de mulleres como a vicepresidenta Luisa Sánchez, as deputadas Paula Bouzós, María Ramallo ou Belén Cachafeiro liderando distintas áreas da provincia, xunto con moitas directoras, xefas de servizo e empregadas públicas. “Cada vez que facemos todo iso e moito máis estamos dando pasiños cara a meta da igualdade, a meta de todos”, remarcou López.

“Existe un consenso maioritario, abrumador, a favor unha sociedade futura onde mulleres e homes vivan en igualdade. Quen non estea nese consenso, quedará arrasado pola historia; quen queira instrumentalizar ese consenso, quedará deslexitimado para dar leccións; e quen queira rachalo, quedará sinalado. Aquí non caben pasos atrás, nin falsas superioridades morais, nin negacionismos. Camiñemos xuntos”, rematou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, para dar por concluído o acto de conmemoración do Día Internacional da Muller.

documentos

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.