Luis López define a Feira da FP Dual que organiza a Cámara de Comercio en Vilagarcía coma unha “oportunidade” para o “emprego e o crecemento das empresas”
O mandatario provincial lembra programas provinciais de apoio ás empresas, como o Smart Peme; e á estudantes, como o Erasmus + no que a Deputación investiu 132.000€ o ano pasado para sufragar as prácticas de 22 alumnos de FP no estranxeiro
29/05/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca a oportunidade que supón a Formación Profesional Dual para a economía, o emprego e as empresas da provincia. Fíxoo na inauguración da segunda edición da Feira de FP Dual que organiza en Vilagarcía a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía para achegar as titulacións deste tipo que están dispoñibles na provincia e conectar ao colectivo estudantil co sector empresarial. Un cometido no que o organismo provincial tamén achega o seu gran de area a través de programas propios como Smart Peme ou Erasmus +. “Temos aceleradoras de proxectos na comarca do Salnés e puntos espallados por toda a provincia con Smart Peme, así como espazos para iniciar proxectos no polígono de Barro Meis. E na parte de FP, promovemos que o alumnado faga prácticas no estranxeiro para potenciar as súas habilidades. No ano 2024, investimos 132.000€ dos que se beneficiaron 22 alumnos”, explicou o presidente Luis López.
A segunda edición desta Feira da Formación Profesional Dual que promove a Cámara de Comercio da provincia en Vilagarcía ten como obxectivo dar a coñecer as familias profesionais que integran a oferta de FP a través de stands que mostrarán os programas formativos con talleres, exhibicións e exercicios prácticos. Unha das novidades deste ano será un espazo no que empresas e estudantes poderán interactuar. No evento participan seis institutos da provincia nos que se imparte esta modalidade de Formación Profesional, así como cinco empresas vinculadas ao emprego e á formación. “Teño que expresar a miña satisfacción á Cámara de Comercio pola posta en marcha desta Feira de FP Dual, que é unha ponte para o emprego, o crecemento e o futuro”, remarcou o dirixente provincial.
Unha feira que non só é atractiva para o emprego e a formación, tamén funciona como un revulsivo para a actividade económica e turística de Vilagarcía e a comarca do Salnés. “Estamos a demostramos a nosa capacidade para organizar eventos que permiten desestacionalizar o destino turístico e a de congresos é unha aposta moi intelixente”, afirmou López, que convidou a toda a veciñanza a asistir a esta feira para descubrir “un modelo innovador que pon o foco na formación e aposta pola mocidade”.
