O presidente da Deputación de Pontevedra e a deputada de Turismo asistiron en Cambados aos actos da LXXI Festa do Albariño de Cambados

06/08/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a deputada de Turismo, Nava Castro, asistiron hoxe en Cambados aos actos organizados polo Capítulo Serenísimo no marco da LXXI Festa do Albariño de Cambados. Os actos comezaron na contorna do Auditorio da Xuventude coa recepción das Confrarías Enogastronómicas de España e Portugal que asisten ao evento. As confrarías desfilaron ata o patio de armas do Pazo de Fefiñáns, onde tivo lugar a continuación o acto de investidura das novas Damas e Cabaleiros do Albariño.
 
A continuación, Nava Castro asistiu no Pazo de Torrado de Cambados ao LXXI Xantar Oficial do Albariño onde participou na entrega de premios da XXXV Cata-Concurso Rías Baixas Albariño. A deputada deu os parabéns ás 55 marcas participantes e puxo en valor a importancia do sector vitivinícola para a economía da provincia de Pontevedra. “Os Albariños Rías Baixas crean unha rede da que se nutren moitísimas persoas e que comeza coas empresas produtoras, sen as que non existiría o resto de pés desa rede e, xa que logo, tampouco esta festa”, sinalou. Nava Castro asegurou que “traballaremos da man para que os nosos viños continúen estando tan ben posicionados no mundo e para que esta Festa siga sendo de Interese Turístico Internacional e un orgullo para toda a provincia”.