Luisa Sánchez anuncia que a Copa Deputación comezará o 3 de decembro e rematará o 24 de maio na zona sur da provincia

A vicepresidenta salienta o impulso dado ao fútbol modesto por parte da institución provincial, que destina 120.000 euros a esta competición

21/10/2025

Sorteo Copa Deputación

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou que a disputa da Copa Deputación na zona sur da provincia comezará o 3 de decembro e celebrará a súa final o 24 de maio. Así o comunicou a responsable provincial de Deportes durante o sorteo celebrado a última hora da tarde deste luns na sede de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), que permitiu coñecer os primeiros enfrontamentos desta tempada.

Un total de 63 clubs masculinos participarán nesta competición que, ademais do propio título, ten como alicientes a clasificación para a Supercopa Galicia, que a súa vez da acceso á seguinte edición da Copa do Rei. Pola súa banda, o cadro feminino está composto por 30 equipos.

A Deputación de Pontevedra destina unha achega de 120.000 euros á celebración desta Copa. Unha dotación económica que non só permite desenvolver o torneo senón que tamén contribúe a apoiar o fútbol modesto da provincia, xa que os clubs son beneficiarios directos desta axuda.

A Copa Deputación de Pontevedra masculina divídese en dúas zonas: Pontevedra y Deza e Vigo, con equipos que militan en categorías autonómicas: Preferente, Primeira Futgal, Segunda Futgal e Terceira Futgal. O cadro da zona norte sorteouse o pasado xoves, mentres que o da zona sur quedou confeccionado este luns. O actual campión masculino é a Cultural Areas. O Domaio defenderá o título feminino.

As eliminatorias dispútanse a partido único e no campo do equipo de inferior categoría. No caso de pertencer ambos á mesma división, xogaranse no terreo de xogo do equipo que saíse antes no sorteo.

Luisa Sánchez recordou que o actual goberno da Deputación investiu nos primeiros dous anos de mandato 27,3 millóns de euros no fomento do deporte, con axudas para clubs deportivos, para a organización de competicións, para o deporte de alto nivel ou para a mellora, modernización e impulso das infraestruturas deportivas na provincia.

Galerias de imagenes