A Deputación abre este luns o prazo de inscrición para participar no primeiro obradoiro formativo do novo programa Foco Xuventude

O programa comeza con dúas xornadas centradas na saúde mental, impartidas polo Doutor en Psicoloxía Joaquín Dosil, os luns 26 de xaneiro e 2 de febreiro de 2026

28/12/2025

A Deputación de Deputación abre este luns 29 de decembro o prazo para participar no primeiro obradoiro do novo programa Foco Xuventude, un ciclo que busca reforzar a competencia técnica e a calidade dos servizos dirixidos á mocidade nos concellos da provincia de Pontevedra. Esta actividade, enmarcada no I Plan Estratéxico de Xuventude da Deputación, busca dar apoio técnico ao persoal dos municipios, que solicitou formación en temas esenciais para mellorar o asesoramento que presta á xuventude así como a orientación das súas iniciativas.

A partir deste luns, e ata o 19 de xaneiro ás 10:00 horas, as persoas interesadas poden solicitar a súa participación no obradoiro “Construíndo benestar: estratexias en saúde mental” (o máis demandado), que se celebrará os días 26 de xaneiro e 2 de febreiro impartido polo Doutor en Psicoloxía Joaquín Dosil. A través desta acción, a Deputación tratará de proporcionar coñecementos e ferramentas prácticas para a promoción da saúde mental entre a mocidade, a detección temperá de indicadores de risco e o manexo de primeiras respostas. O número máximo de participantes son 30 persoas e entregarase un diploma acreditativo das horas de formación. A participación pode solicitarse no formulario habilitado no sitio web provincial.

A primeira xornada, de carácter teórico, será en modalidade telemática o luns 26 de xaneiro entre as 10:00 e as 12:00 horas. Analizaranse as xeracións actuais da sociedade, as dificultades relacionais nas distintas etapas da vida, comportamentos de riscos e trastornos (TCA, ideas suicidas ou autolesións), o impacto das redes sociais no día a día (en cuestións como a autoestima, a desexabilidade, o acoso e a violencia) e a neurodiverxencia (TEA, TDAH ou AC). O luns 2 de febreiro a xornada práctica será presencial, no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación, de 10:00 a 14:00 horas. Abordarase o contexto para o traballo con persoas de risco, a prevención de situacións de risco e a intelixencia emocional. Ademais, faranse xogos de rol para entrevistas a familias e mozos con dificultades.

O ciclo Foco Xuventude está dirixido principalmente ao persoal técnico de Xuventude e OMIX, pero tamén poderían participar técnicos de Servizos Sociais, Cultura ou áreas afíns nos concellos que non conten con persoal específico. A programación está deseñada para reforzar a competencia técnica e a calidade dos servizos dirixidos á mocidade nos concellos da provincia, e continuará proximamente con accións centradas nas novas tecnoloxías e os programas europeos. A Deputación de Pontevedra promove así unha formación de calidade que impulse o coñecemento sobre a realidade xuvenil, para optimizar os recursos e actuacións dirixidas a este colectivo.