#XUVENTUDE
FOCO XUVENTUDE
CICLO DE FORMACIÓN PARA PERSONAL TÉCNICO DE JUVENTUD
A Deputación de Pontevedra pon en marcha o ciclo de obradoiros Foco Xuventude, unha iniciativa deseñada para reforzar a competencia técnica e a calidade dos servizos dirixidos á mocidade nos concellos da provincia.
Esta acción deriva das demandas expresadas polo persoal técnico dos concellos, que solicita formación en temas esenciais para mellorar o asesoramento á xuventude e a orientación das súas iniciativas. Deste xeito, mediante o apoio técnico aos municipios, preténdese promover unha formación de calidade que impulse o coñecemento sobre a realidade xuvenil para optimizar os recursos e as actuacións dirixidas a este colectivo.
O ciclo Foco Xuventude estará formado por unha serie de obradoiros centrados nas temáticas máis demandadas polo persoal dos concellos, entre as que destacan a saúde mental, as novas tecnoloxías e os programas europeos.
A formación está dirixida principalmente ao persoal técnico de Xuventude e OMIX. Conscientes da desigualdade de recursos entre os municipios que conforman a nosa provincia, o ciclo está aberto ao persoal de Servizos Sociais, Cultura ou áreas afíns naqueles concellos que non conten con persoal específico para a área de Xuventude.
A primeira convocatoria, e a máis solicitada, céntrase no ámbito da saúde mental.
OBRADOIRO 1. Construíndo Benestar: Estratexias en Saúde Mental
Obxectivo xeral: proporcionarlle ao persoal técnico dos concellos da provincia coñecementos e ferramentas prácticas para a promoción da saúde mental entre a mocidade, a detección temperá de indicadores de risco e o manexo de primeiras respostas.
Docente: Joaquín Dosil, doutor en Psicoloxía e profesor desta disciplina na Universidade de Vigo.
Programa
Consta de dúas sesións, divididas en dúas xornadas diferentes:
Xornada 1. Teórica
Data: luns 26 de xaneiro
Horario: de 10 a 12 h
Modalidade: telemática
Contidos:
- Análise das diferentes xeracións coexistentes na sociedade actual
- As dificultades relacionais nas diferentes etapas da vida
- Comportamentos de risco e trastornos (TCA, ideas suicidas, autolesións...)
- O impacto das redes sociais no día a día (autoestima, desexabilidade social, acoso e violencia...)
- Neurodiverxencia (TEA, TDAH, AC)
Xornada 2. Práctica
Data: luns 2 de febreiro
Horario: de 10 a 14 h
Modalidade: presencial, no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra (avda. Montero Ríos, s/n)
Contidos:
- Contexto para o traballo con persoas de risco
- A información e a comunicación para previr situacións de risco
- Xogos de rol de entrevistas a familias e a mozas e mozos con algún tipo de dificultade
- Intelixencia emocional
Ao remate da acción formativa entregaráselles ás persoas asistentes un diploma acreditativo da boa execución e das horas de formación recibidas.
Criterios de selección de participantes
Para garantir a efectividade e a calidade da formación, establécense as seguintes condicións de participación e os criterios de selección en caso de alta demanda:
- O número máximo de asistentes á formación é de 30 persoas.
- Se o número de solicitudes superase o límite de 30 prazas, aplicarase a seguinte orde de prelación:
- En primeiro lugar, priorizarase a inscrición dunha única persoa por concello. No formulario de inscrición, as persoas solicitantes deberán indicar se son a persoa prioritaria designada polo seu concello para asistir á formación. En caso de que as solicitudes prioritarias superasen o límite de 30, a selección farase por rigorosa orde de inscrición.
- Se, despois de asignarlles as prazas ás persoas prioritarias, non se acadase o límite de 30 asistentes, as prazas restantes asignaránselles ás persoas non prioritarias por estrita orde de inscrición.
- As persoas que non obteñan praza entrarán a formar parte dunha lista de agarda.
Ademais, a Deputación valorará a opción de convocar unha segunda edición do curso para darlle cabida á demanda e garantir a formación no maior número posible de concellos.
Inscricións
- As inscricións realizaranse mediante o formulario habilitado.
- O prazo de inscrición estará aberto desde o luns 29 de decembro, ás 10 h, ata o luns 19 de xaneiro, ás 10 h.
O propio luns 19 de xaneiro notificaráselles por correo electrónico ás persoas solicitantes se obtiveron praza no curso ou quedaron inscritas na lista de agarda. Aquelas persoas seleccionadas para o curso deberán confirmar a súa asistencia.