A Deputación estrea O Sabor das Rías Baixas este venres en Salvaterra de Miño, Bueu e Cuntis coas súas food trucks de promoción das festas gastronómicas da provincia

A campaña de posta en valor da gastronomía pontevedresa estará dispoñible na Praza do Concello de Salvaterra de Miño, na Praza de Abastos e no Pavillón de Deportes de Beluso e Bueu e na Praza da Constitución de Cuntis con degustacións inspiradas nos pratos típicos dos eventos gastronómicos de interese turístico da provincia

04/03/2026

A Deputación de Pontevedra inicia este venres a xira das food trucks que percorrerán os próximos meses todo o territorio provincial co obxectivo de promocionar e poñer en valor as festas gastronómicas de interese turístico que se celebran na provincia. Os concellos escollidos para facer as súas primeiras paradas son Salvaterra de Miño (Praza do Concello), Bueu (Praza de Abastos, os días 6 e 7 de marzo, e Pavillón de Deportes de Beluso o 8 de marzo) e Cuntis (Praza da Constitución), onde entre o venres e o domingo ofrecerán degustacións inspiradas nalgunhas das 25 festas pontevedresas de interese turístico en horario de mañá (de 12:30 a 15:30 horas) e de tarde (de 18:30 a 21:30 horas).

O Sabor das Rías Baixas conta cunha frota de tres vehículos, que realizarán tres rutas para percorrer o norte, o centro e o sur da provincia informando sobre a oferta das festas gastronómicas, promocionando e poñendo en valor a gastronomía pontevedresa, e tamén promovendo unha xestión sostible dos recursos, tanto desde o punto de vista económico como o ambiental e social. Ademais das degustacións inspiradas nos pratos típicos destes eventos, nas food trucks repartirase material e promocional como folletos e carteis onde se recollen as datas de celebración destes eventos, os produtos gastronómicos de referencia cunha breve descrición de cada un, e mais o lugar exacto onde se celebra cada festa.

O Sabor das Rías Baixas é un paso adiante da Deputación para diversificar a oferta turística da provincia, co obxectivo de atraer turismo interno durante a temporada baixa, así como para a descentralización das actividades levadas a cabo por Turismo Rías Baixas en todos os concellos. Este programa serve como ferramenta estratéxica para achegar ao público experiencias culinarias vinculadas á identidade cultural da provincia, para crear novas oportunidades de visita e consumo e tamén para favorecer a actividade económica local.

As festas promovidas son a Festa do Lacón con Grelos (Cuntis), a Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra), a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo (Bueu), Festa da Ostra de Arcade (Soutomaior), a Festa do Requeixo e o Mel (A Neves), a Festa do Choco (Redondela), a Festa do Salmón (A Estrada), a Festa da Troita (Ponte Caldelas), a Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), a Festa da Langosta (A Guarda), a Festa da Vieira e Festa do Albariño (Cambados), a Feira do Viño do Rosal, a Festa do Carneiro ao Espeto (Moraña), a Romaría da Tortilla de Laro e a Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), a Festa do Mexillón e o Berberecho (Vilanova de Arousa), a Festa-Feira do Xamón (A Cañiza), a Festa da Lamprea e a Festa da Lamprea Seca (Arbo), a Festa da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País (Valga), a Festa do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a Festa do Marisco (O Grove) e a Feira do Cocido (Lalín).