A Deputación pecha a promoción sobre rodas das festas gastronómicas da provincia coas súas food trucks, que distribuíron preto de 73.000 tapas en 60 concellos
As food trucks de O Sabor das Rías Baixas visitaron todas as comarcas da provincia poñendo en valor as festas de interese turístico de Pontevedra
02/06/2026
A Deputación de Pontevedra pecha a campaña de promoción das festas gastronómicas de interese turístico da provincia a través de food trucks, que distribuíu preto de 73.000 tapas en 60 concellos. Ao longo destes tres meses O Sabor das Rías Baixas estivo percorrendo todas as comarcas da provincia a través de tres rutas polo norte, o centro e o sur divulgando a oferta gastronómica de Pontevedra e promovendo unha xestión sostible dos recursos desde o punto de vista económico, ambiental e social. Ademais das degustacións inspiradas nos pratos típicos destes eventos, nas food trucks repartiuse material promocional con información das datas de celebración das festas, os produtos gastronómicos de referencia e o lugar exacto onde se celebran.
En total distribuíronse preto de 73.000 tapas gratuítas inspiradas nas festas gastronómicas de interese turístico: a Festa do Lacón con Grelos (Cuntis), a Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra), a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo (Bueu), Festa da Ostra de Arcade (Soutomaior), a Festa do Requeixo e o Mel (A Neves), a Festa do Choco (Redondela), a Festa do Salmón (A Estrada), a Festa da Troita (Ponte Caldelas), a Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), a Festa da Langosta (A Guarda), a Festa da Vieira e Festa do Albariño (Cambados), a Feira do Viño do Rosal, a Festa do Carneiro ao Espeto (Moraña), a Romaría da Tortilla de Laro e a Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), a Festa do Mexillón e o Berberecho (Vilanova de Arousa), a Festa-Feira do Xamón (A Cañiza), a Festa da Lamprea e a Festa da Lamprea Seca (Arbo), a Festa da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País (Valga), a Festa do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a Festa do Marisco (O Grove) e a Feira do Cocido (Lalín).
A campaña O Sabor das Rías Baixas xurdiu co obxectivo de diversificar a oferta turística da provincia, atraer turismo interno durante a temporada baixa e descentralizar as actividades levadas a cabo por Turismo Rías Baixas en todos os concellos. Ademais, esta iniciativa promocional serviu como ferramenta estratéxica para achegar ao público experiencias culinarias vinculadas á identidade cultural da provincia, para crear novas oportunidades de visita e consumo e tamén para favorecer a actividade económica local.
