25 mozos e mozas da provincia completarán a súa formación no estranxeiro da man do progama da Deputación Practicum Depo

O goberno provincial destina 220.000 euros a sufragar gastos da estancia e viaxe do alumnado, que partirá este mes cara Italia, Portugal, Francia, República Checa e Irlanda

07/11/2022

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de novos recursos, un total de 220.039 euros, para graduadas e graduados en ciclos medios de Formación Profesional, de tal maneira que poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas para facilitar a súa inserción profesional. Trátase da cuarta mobilidade do programa Practicum Depo 2021, na que participarán 25 estudantes que se beneficiarán da sétima convocatoria destas axudas de estancia e viaxe da institución provincial para completar a súa formación en Italia, Portugal, Francia, República Checa e Irlanda. “É un proxecto que permite que o alumnado teña unha experiencia para toda a vida e poida tecer redes para o futuro”, asegurou Carmela Silva.

Nesta nova mobilidade van participar 13 alumnas e 12 alumnos dun total de once centros educativos de Vigo, Pontevedra, Sanxenxo, A Illa de Arousa, Moaña e Marín, de ramas tan variadas como a xoiaría, vídeo DJ, mecanizado, farmacia e parafarmacia, actividades comerciais, electromecánica de vehículos, xestión administrativa, laboratorio, cultivos acuícolas ou coidados auxiliares de enfermería. En canto aos destinos nos que iniciarán a súa formación, que comezará o 30 de novembro, nove irán a Italia, sete a Portugal, seis a Francia, dous a República Checa e un a Irlanda, onde estarán entre catro e nove meses. Percibirán axudas que oscilan entre os 5.218 e os 11.638 euros, dependendo do país e da duración da estancia.

Ata o momento están a participar en Practicum Depo 2021 42 alumnos, alumnas e docentes, ás que se sumarán as 25 que comezarán as súas estancias formativas profesionais neste mes de novembro. En total, está previsto que sexan 99, 90 estudantes e 9 mestres e mestras, as persoas que completen a súa formación no estranxeiro.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.