Nove estudantes de FP da provincia completan a súa formación en Europa da man do programa da Deputación Erasmus+

O alumnado beneficiario destas axudas provén de catro centros educativos de Vigo e realizarán prácticas en empresas e institucións de Malta, Italia e Portugal

11/04/2023

Un total de 9 estudantes de FP da provincia de Pontevedra atópanse xa en Malta, Italia e Portugal no marco das primeiras mobilidades do programa Erasmus+ 2022 co obxectivo de realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, reforzando así as súas competencias, ao tempo que adquiren experiencia e melloran as súas expectativas laborais. A Deputación destina 54.077 euros ao alumnado desta primeira quenda do proxecto para contribuír a facer fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas en empresas e institucións estranxeiras no marco do Programa Erasmus+ da Comisión Europea.

O alumnado, que iniciou xa a súa estadía no estranxeiro o pasado 3 de abril, provén dos centros educativos vigueses IES Audiovisual, IES Ricardo Mella, Divino Maestro e CPR San Miguel, onde   están a estudar os ciclos medios de emerxencias sanitarias, vídeo DJ e son, e coidados auxiliares de enfermería. As prácticas no estranxeiro durarán entre tres e cinco meses e percibirán axudas económicas que irán dos 4.298  aos 6.718 euros, dependendo do país de destino elixido e a duración da estancia.

Esta é a primeira mobilidade do proxecto Erasmus+ 2022 que conta cun orzamento total de 796.865 euros, dos cales 599.765 euros son achegados polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE) en calidade de axencia nacional española do Programa Erasmus. En total, serán 60 estudantes de FP e 5 docentes os e as que se beneficien desta iniciativa que, nestes momentos, está xa a preparar a segunda mobilidade con outros 9 participantes que comezarán a súa estadía a mediados de maio.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.