A Deputación colabora na recuperación do memorial en homenaxe a Ricardo Portela en Cerdedo-Cotobade
O memorial, da man dos Abrentes e Cerdedo e a Asociación de Gaiteiros Galegos, celebrarase este sábado en Viascón e Cerdedo
28/11/2025
A Deputación de Pontevedra colabora na recuperación do tradicional memorial dedicado a Ricardo Portela, unha das figuras máis influentes da música tradicional galega, da man do Concello de Cerdedo-Cotobade, a agrupación Os Abrentes de Cerdedo e a Asociación de Gaiteiros Galegos. As Xornadas de Homenaxe a Ricardo Portela celebraranse mañá sábado 29 de novembro en Viascón e Cerdedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade, tras un ano de ausencia.
As xornadas comezarán pola mañá coa coordinación pola Asociación de Gaiteiros Galegos, cun programa centrado no toque pechado, un estilo do que foi un dos grandes referentes, na Casa da Gaita de Viascón. Abrirá ás 10:30 horas e incluirá a charla-concerto “O toque pechado na Península Ibérica”, con Pablo Carpinteiro, continuará coa mesa redonda “Achega ao estilo interpretativo do toque pechado de Ricardo Portela”, con Miguel Fraguas e Juan Iglesias, e rematará cun obradoiro de iniciación ao toque pechado da man de Miguel Fraguas, dividido en dúas partes antes e despois do xantar.
Pola tarde, a partir das 20:00 horas, continuarán co Festival Tradicional de Homenaxe a Ricardo Portela no Centro Cultural de Cerdedo, coordinado polos Abrentes de Cerdedo. Presentado por Malores Villanueva, participarán todas as agrupacións musicais tradicionais da vila. Por último, as xornadas rematarán cunha gran cea popular no local multiúsos situado a carón do pavillón municipal de Cerdedo, e cun serán aberto a partir das 23:30 horas. Nas actividades de noite tamén colaboran a Comisión de Festas Divino Ecce Homo de Cerdedo e o Cerdedo-Cotobade Fútbol Sala.
Este festival é unha das actuacións coas que a Deputación está a render homenaxe a Ricardo Portela, figura imprescindible na conexión da tradición dos vellos gaiteiros coas novas xeracións. Recentemente, a institución provincial tamén organizou a exposición "Ricardo Portela, inmorrente", co obxectivo de contribuír á difusión da súa vida e obra e destacar os seus fitos fundamentais a modo de lembranza e exemplo para as novas xeracións. O gaiteiro de Viascón unha é unha figura clave da música tradicional galega e da gaita en particular que creou escola con moitos dos recursos do seu propio estilo, que permanecen vivos no xeito de tocar dalgunhas e dalgúns dos gaiteiros máis recoñecidos da actualidade.
