A Deputación presenta no Palacete das Mendoza o III Encontro de Turismo Fluvial Transfronteirizo que acolle A Guarda os días 29 e 30 de setembro

O organismo provincial achega unha axuda de 20.000 euros para a organización deste encontro impulsado pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+). Tamén está a colaborar con esta entidade na realización dunha consultaría sobre turismo fluvial

18/09/2026

A Deputación presenta no Palacete das Mendoza o III Encontro de Turismo Fluvial Transfronteirizo que acolle A Guarda os días 29 e 30 de setembro

Os deputados provinciais Jesús Vázquez Almuíña e Roberto Carrero acaban de presentar no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, o III Encontro de Turismo Fluvial Transfronteirizo, organizado pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) e que terá lugar na Guarda os días 29 e 30 de setembro. A institución provincial achega unha axuda de 20.000 euros para a organización deste encontro, que dará cabida a axentes do ámbito turístico e do sector náutico de España e Portugal, e tamén para a realización dunha consultaría sobre os obstáculos existentes a nivel Ibérico para o desenvolvemento do turismo fluvial, analizando ámbitos de mellora e achegando exemplos de boas prácticas.

O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, subliñou na presentación do III Encontro de Turismo Fluvial Transfronteirizo a importancia de “activar engrenaxes para avanzar, para crear novos produtos turísticos e ampliar a oferta da man, ademais, da sostibilidade e da cooperación territorial entre a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal”. Ao respecto, enxalzou que “xuntos temos máis capacidade de impulsar un turismo como é o fluvial, comprometido coa preservación do noso medio natural e con capacidade para diversificar a oferta e desenvolverse de xeito desestacionalizado”.

Pola súa banda, Roberto Carrero, deputado de Cooperación Transfronteiriza, destacou a importancia de impulsar “o desenvolvemento do espazo transfronteirizo a través do aproveitamento do río Miño e do turismo fluvial”. Neste eido avanzou que durante a xornada “afondaranse nas estratexias para ordenar de forma sostible os espazos fluviais compartidos, así como na normativa existente nos dous territorios, nas infraestruturas e equipamentos dispoñibles ou na posibilidades de poñer en marcha itinerarios náutico-culturais combinados que xeren impacto no noso territorio”.

AGAN+ é unha asociación sen ánimo de lucro con 25 anos de experiencia cuxos obxectivos son fomentar a competitividade, a innovación, a desestacionalización da oferta e o emprego no ecosistema turístico-náutico; impulsar sistemas de calidade e estandarización que permitan promocionar unha oferta de servizos homoxénea por parte de empresas e destinos náuticos; poñer en funcionamento, promover e apoiar a comercialización de produtos de turismo náutico;  converter os municipios en destinos náuticos de calidade; así como promover o acceso ás actividades náuticas. Na actualidade, AGAN+ capitanea a Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais dos destinos náuticos sostibles de España e é socio e promotor da Rede de Cruceiros Ibéricos Fluviais Transfronteirizos.

Galerias de imaxes