A Deputación avanza a aprobación de máis de 100.000 euros para actuar nos campos de fútbol da Pelada e Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa

O deputado provincial Javier Tourís visitou o campo da Pelada (Faxilde), onde se investirán recursos que ten dispoñibles o concello no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

07/04/2026

A Deputación avanza a aprobación de máis de 100.000 euros para actuar nos campos de fútbol da Pelada e Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa

O deputado provincial Javier Tourís anunciou este martes no campo de fútbol da Pelada, en Vilagarcía de Arousa, que a Deputación de Pontevedra aprobará este venres na Xunta de Goberno unha achega de máis de 100.000 euros ao concello para a reposición dos muros de peche do recinto. Trátanse de recursos que Vilagarcía de Arousa ten á súa disposición ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

No campo da Pelada, o muro presenta unha inclinación e desconchado das pranchas de formigón (coas varas de aceiro ao descuberto) na zona suroeste. Deste xeito, cos recursos provinciais executarase un muro de 30 metros de lonxitude e 2 metros de altura, asentado sobre zuncho de formigón armado, e pintarase a parte interior de negro seguindo o estilo dos tramos que se atopan en bo estado. Ademais, tamén se procederá a ampliar a cuberta da zona das gradas cun sistemas estrutural similar ao actual, de chapa grecada.

Pola súa banda, no campo de Vilaxoán detectouse unha falta de estabilidade por mor da oxidación das varas de reforzo, que ao aumentar de volume pola corrosión producen fendas. Deste xeito, tamén cos recursos provinciais construirase un novo peche que terá un primeiro tramo de formigón armado na contorna do portalón de entrada. Ao longo da rúa Ameixeiras demolerase ata a terceira fiada (onde se comezaron a detectar os problemas), formarase un zuncho de formigón e reconstruirase o muro con fábrica de bloque.

“Estes recursos forman parte do esforzo investidor que está facendo o goberno da Deputación para garantir, como dixemos desde o primeiro día, que temos o municipalismo por bandeira”, sinalou Javier Tourís, que lembrou que Vilagarcía de Arousa ten á súa disposición 312.000 € no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas cos que tamén está a facer fronte á substitución de luminarias por tecnoloxía LED en instalacións deportivas (181.000 €), a subministración dunha caseta para o estadio de atletismo (7.000 €) e a instalación de 2 bancos para o campo de fútbol Manuel Jiménez Abalo (6.000 €). “Impulsamos instalacións deportivas de primeiro nivel e con todas as dotacións para seguir avanzando na provincia do deporte”, remarcou o deputado.

Galerias de imagenes