A Deputación aproba recursos por valor de máis de 6.000 euros para que o Concello de Vilagarcía de Arousa instale bancos no campo de fútbol Manuel Jiménez Abalo
Estes recursos forman parte do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que dirixe a Vilagarcía de Arousa preto de 312.500 euros para a mellora das súas dotacións deportivas
21/04/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar recursos por valor de máis de 6.000 euros para que o Concello de Vilagarcía de Arousa instale bancos no campo de fútbol Manuel Jiménez Abalo. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Con estes recursos o Concello de Vilagarcía de Arousa contará con novos bancos para o campo de fútbol municipal Manuel Jiménez Abalo no que adestran os equipos Arosa SC, Atlético Arousana, San Martín e Os Ingleses Rugby e onde se desenvolven competicións oficiais de carácter autonómico e nacional. Nestes momentos, o recinto ten catro bancos que non se atopan en boas condicións e coa axuda da Deputación dotarase á infraestrutura de dous novos de aceiro, con capacidade para 10 persoas e cuberta e protección fronte á choiva, vento e radiación solar que garantirán condicións axeitadas para os xogadores e persoal técnico.
Vilagarcía de Arousa é o concello da provincia que máis recursos recibe do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) con preto de 312.500 euros. Deste xeito, coas achegas da Deputación, o concello vai impulsar, ademais desta actuación, a reposición dos muros de peche nos campos de fútbol da Pelada e Vilaxoán, a subministración dunha caseta para o estadio de atletismo e dun vídeo marcador para o pavillón municipal Sara Gómez e a substitución de luminarias por tecnoloxía led nas instalacións deportivas municipais.