A Deputación de Pontevedra financiará de xeito íntegro o cambio de céspede dos campos de fútbol das pistas do Keniata en Cangas de Morrazo
A xunta de goberno provincial aprobará este venres a concesión ao Concello dunha achega de 243.000 euros con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
22/04/2026
A Deputación de Pontevedra financiará de xeito íntegro o cambio de céspede dos campos de fútbol das pistas do Keniata, en Cangas de Morrazo, mediante unha achega de 242.977,12 euros que correrá a cargo do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dirixido aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
Así o anunciou este mércores a vicepresidenta, Luisa Sánchez, durante unha visita a estas instalacións deportivas municipais na que estivo acompañada pola alcaldesa da vila, Araceli Gestido, e representantes da corporación local. Alí, a tamén deputada de Deportes informou de que a xunta de goberno provincial aprobará este venres a devandita axuda, que representa o cen por cento do presuposto necesario para acometer a actuación.
O proxecto contempla a colocación dun novo céspede artificial de última xeración nos dous campos existentes. Previamente, examinarase o estado da capa soporte, que se conservará se está en boas condicións. Comprobaranse tamén as pendentes e o asolagamento da subbase para saber se é preciso reparalas. O equipamento existente desmontarase para executar a obra e posteriormente repoñerase.
Deste xeito, tal e como indicou Luisa Sánchez, a instalación deportiva quedará “plenamente operativa e apta para o seu uso en condicións axeitadas”. “Quero amosar a miña satisfacción por esta mellora para Cangas de Morrazo. Desde a Deputación de Pontevedra seguimos apostando de forma decidida polo deporte e, sobre todo, polas persoas que utilizan estas instalacións de xeito cotián”, indicou.
A vicepresidenta salientou que o actual goberno provincial está a atender as demandas de todos os municipios, independentemente de quen ostente a alcaldía. De feito, resaltou que Cangas de Morrazo é o terceiro concello que máis recursos recibe ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “Pedíranos colaboración para levar a cabo esta obra e aquí está comprometida”, concluíu.
