A Deputación achega 20.000 euros para o impulso de actividades innovadoras organizadas polas asociacións estudantís da Universidade de Vigo

Estes recursos provinciais están dirixidos a asociacións estudantís da UVigo que participan en eventos de relevancia nacional e internacional centrados na innovación, tecnoloxía, formación permanente, debate, cultura e integración interxeracional

26/05/2026

A Deputación de Pontevedra achega 20.000 euros ao impulso de actividades organizadas polas asociacións estudantís da Universidade de Vigo. Estes recursos provinciais están dirixidos a asociacións estudantís da Universidade de Vigo que participan en competicións, retos ou eventos de relevancia nacional e internacional centrados na innovación, tecnoloxía, formación permanente, debate, cultura e integración interxeracional. Estas axudas, que destinarán ata un máximo de 4.000 euros por entidade e cuxa convocatoria atópase en fase de resolución, responden á necesidade de fortalecer un ecosistema asociativo innovador, conectado coa súa contorna e con capacidade de transformación.

Mediante esta colaboración coa Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra pretende fomentar o talento emerxente, facilitar a inserción laboral da mocidade, a transferencia da innovación e a proxección exterior da excelencia académica da universidade. Ademais, para o organismo provincial, esta liña de colaboración supón investir no capital humano da provincia e un paso máis no seu compromiso coa mocidade como principal motor de cambio social e económico e como axente clave na xeración de coñecemento, innovación e oportunidades para o futuro.

Por outra banda, con esta nova colaboración da Deputación de Pontevedra coa Universidade de Vigo, a institución provincial impulsa a participación en actividades que poden supoñer captar novos investimentos e situar ao alumnado da universidade no radar de empresas e entidades. Deste xeito, estase a reforzar o impacto destas iniciativas no territorio provincial, apoiando proxectos que combinan talento novo, innovación e compromiso co desenvolvemento social e económico do territorio e facilitando a xeración de sinerxías para atraer novas oportunidades de negocio para a provincia de Pontevedra.