A Deputación e a UVigo asinan o convenio para apoiar ao alumnado universitario que realice intercambios internacionais no marco do programa Erasmus+

A institución provincial destinará 100.000 euros á concesión de cen bolsas por un importe de 1.000 euros cada unha

10/11/2025

 Luisa Sánchez e o rector da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este luns o convenio bilateral

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o rector da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este luns o convenio bilateral mediante o cal a institución provincial destinará 100.000 euros á concesión de axudas complementarias a estudantes que participen nos programas de intercambio internacionais Erasmus+ Estudos e outros programas de intercambio con países extra-comunitarios.

En concreto, outorgaranse cen bolsas por un importe de 1.000 euros cada unha a outros tantos estudantes dos campus de Vigo e Pontevedra, que servirán para contribuír nos seus gastos de estadía.

Tal e como salientou Luisa Sánchez, o obxectivo desta liña de subvencións pasa por promover a participación do alumnado universitario nos intercambios formativos e "achegar na súa formación integral e na súa adaptación ás esixencias do mercado laboral en Europa e no resto do mundo".

A vicepresidenta provincial recordou que estudar no estranxeiro "no só enriquece o currículo, senón que tamén amplía horizontes, fortalece a autonomía persoal e enriquece o coñecemento cultural e social". "En definitiva, é una oportunidade de crecemento vital e profesional que non debe depender da capacidade económica de cada estudante", apuntou. Por iso, animou ao alumnado a "aproveitar estas bolsas, a saír, a aprender y a volver con novas ideas e experiencias que revertan no beneficio da nosa provincia".

Do mesmo xeito, subliñou a importancia de investir na mocidade porque iso é sinónimo de investir en futuro, en talento adaptable e en igualdade de oportunidades.

Por último, Luisa Sánchez remarcou a "extraordinaria sintonía existente" entre a Deputación e a UVigo, que se materializa no desenvolvemento de múltiples actividades de xeito conxunto. Esa "alianza sólida e estable" reeditarase a través dos orzamentos provinciais que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2026, nos que se prevén subvencións nominativas que suman 400.000 euros.

Unha colaboración que, ademais, se produce de xeito transversal ao abordar ámbitos como a educación, a arte, o fomento do emprego, a normalización lingüística ou a igualdade. Nese sentido, defendeu que "todas as administracións públicas deben manter un contacto próximo e continuo coas universidades para non perder de vista deseñar políticas máis efectivas e innovadoras baseadas no coñecemento".

Galerias de imagenes

audios

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez

O rector da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.