A Deputación lembra que a viña se atopa nun estado moi sensible fronte ao mildio e recomenda non descoidar a súa vixilancia

O persoal técnico do Areeiro destaca que o estado das plantas no relativo a esta enfermidade é bo, e tamén sinala que non é recomendable traballar a terra nin durante a floración nin durante a formación do froito

15/05/2026

A Deputación lembra que a viña se atopa nun estado moi sensible fronte ao mildio e recomenda non descoidar a súa vixilancia

A Deputación de Pontevedra recomenda non descoidar a vixilancia das viñas fronte ao mildio debido a que o estado fenolóxico no que se atopan estes cultivos na actualidade fai que sexan moi sensibles ante este patóxeno. A situación observada polo persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro durante estes días sinala que a maioría das plantas están nun bo estado no que respecta a esta enfermidade, e os indicios apuntan a que seguirá sendo así debido ás temperaturas frescas e suaves previstas, a práctica ausencia de precipitacións, e tamén o efecto dos potenciais tratamentos que se están a dar ou que se efectúen sobre elas. Onde máis se recomenda non baixar a garda é nos seguintes casos: predios onde existan síntomas non ben controlados, e aqueles onde a protección teórica do anterior tratamento estea próxima a concluír, en especial se foi antes das choivas.

Os técnicos chaman a atención sobre a non conveniencia de traballar a terra neste momento, é dicir, mentres a planta estea en floración e tamén ao longo do período de formación do froito. O motivo non é outro que evitar producir danos ás raíces das plantas nun momento crítico, e tamén evitar que as esporas que aínda haxa no terreo poidan ser proxectadas cara ás viñas. O que si se debe manter son as rozas da vexetación acompañante, pois mantela baixa axuda no control do mildio ao favorecer a aireación.

A situación é máis favorable en canto ao oídio, do que non se atoparon síntomas por mor das proteccións e das choivas fortes (non son favorables a este fungo). Especialmente nas variedades de elevada sensibilidade, é preciso manter a vixilancia. Tamén nas viñas con danos por sarabia, neste caso debido á botrite, xa que se comezaron a atopar os primeiros síntomas en variedades diferentes ao albariño e tamén en zonas secas por mildio de acios de albariño (xa que é oportunista). Tamén se detectou un incremento na presenza de manchas de black rot nas follas, pero non nos acios, e os primeiros síntomas de acariose no Rosal.

O persoal do Areeiro tamén sinala que pronto debería ter lugar o nacemento das primeiras ninfas de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada. Esta enfermidade non só é de declaración obrigatoria senón que cómpre arrincar e destruír as plantas enfermas, e realizar, polo menos onde e cando o marque a Consellería, os tratamentos fronte ao transmisor.

En canto a outros cultivos, na maceira destaca a captura dalgúns machos de Cydia pomonella, recomendando a instalación de trampas e o seu seguimento, así como a detección de colonias de pulgón cincento nos gromos. No buxo segue sen haber capturas de machos da bolboreta, Cydalima perspectalis, e en xeral as plantas teñen brotes bos e sans.

Galerias de imaxes