Jorge Cubela asiste á inauguración das feiras Enerxétika e Expomunicipal na Semana Verde de Silleda

11/04/2024

O deputado provincial de Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, asistiu no recinto feiral Semana Verde Abanca de Silleda ao acto de inauguración conxunta das feiras Enerxétika e Expomunicipal, que se están a celebrar desde hoxe e ata o sábado simultaneamente nestas instalacións. O deputado salientou que estas dúas citas están “intimamente relacionadas co labor e o compromiso do Goberno da Deputación”. Por unha banda, porque “temos que garantir que os concellos poidan prestar axeitadamente os servizos públicos e, de feito, somos o Goberno do municipalismo”, e pola outra porque “temos un firme compromiso coa eficiencia enerxética e coa sostibilidade, e cremos no poder que temos desde o mundo local para actuar neste sentido”.

Jorge Cubela asegurou que “as administracións debemos ter en conta unha chea de retos e necesidades, e as feiras Enerxétika e Expomunicipal son unha grande oportunidade para coñecer as innovacións que se están a desenvolver e para adaptar e implantar ideas co fin de transformar o mundo”.