Luis López adianta na Lama que a Deputación inicia este venres o reparto dos 8M€ do Vía Depo entre os 59 concellos da provincia para arranxar estradas municipais
O presidente provincial anunciou, despois de percorrer co alcalde David Carrera un dos treitos afectados polos temporais do pasado inverno, a achega de 154.000 euros deste programa para a actuación en 13 camiños de titularidade municipal
10/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informa do inicio do reparto dos 8M€ do Plan Vía Depo aos 59 concellos beneficiarios deste novidoso programa aprobado no pasado mes de abril para axudar aos concellos a reparar os danos causados polos temporais de inverno nas estradas de titularidade municipal. Nunha visita ao Concello da Lama e acompañado polo alcalde David Carrera, o mandatario provincial adiantou que na Xunta de Goberno deste venres se aprobarán as primeiras axudas, entre as que se atopa unha subvención de 154.000 euros para a conservación e mellora de trece camiños dos lugares de Cambeses, Firveda, A Barcia, Covelo, Cotiño, Verducido, Covelo, Cernedo, Portabeleira, Firveda-O Pelete, Ermitas, Xesta e Seixido do termo municipal da Lama.
“Empezamos o curso ao modo Deputación: percorrendo a provincia, mobilizando recursos para os concellos e avanzando na seguridade viaria das estradas, neste caso as de titularidade municipal”, explicou López nun encontro con veciños despois de percorrer un dos treitos do lugar de Covelo que se reformarán con recursos provinciais no Concello da Lama. Unha zona na que se mellorará a xestión de pluviais a través da renovación da capa de rodadura, un saneamento profundo dos treitos e o reforzo de muros, saneamento e remates.
O Plan Vïa Depo é un programa extraordinario aprobado polo goberno provincial no pasado mes de abril dotado con 8M€ como resposta ás numerosas incidencias que provocaron as borrascas do pasado inverno nas estradas da provincia. Nun novo sinal de apoio e cooperación cos concellos, a administración provincial achega os recursos necesarios, dos que moitos concellos non dispoñen, para arranxar os danos e reforzar a rede viaria municipal dos concellos co obxectivo de preparalos para os vindeiros temporais. Con estes fondos, os concellos poderán facer fronte a labores de mellora de trazados, renovación de firmes, estabilización de muros de contención, fortalecemento das drenaxes ou reparación de accesos a praias e paseos. “Vimos duns meses de moita chuvia e, cando chove, as estradas son as que primeiro sofren os danos. Os concellos teñen moitas cuestións que atender e non pasan polo seu mellor momento financeiro, por iso a Deputación en base ás peticións que nos trasladaron os alcaldes, entre eles o da Lama, quixemos botar unha man e o que fixemos foi un plan específico para que os concellos puideran arranxar ese camiños”, resumiu o mandatario provincial o sentido deste plan.
Neste sentido, o presidente Luis López puxo o foco na axilidade da Deputación para artellar este plan extraordinario e poñer os recursos á disposición dos concellos, pois só catro meses despois do anuncio deste Plan Vía Depo, xa está preparado o reparto definitivo de recursos para os 59 concellos beneficiarios.
Esta inxección extraordinaria de 8M€ na mellora da seguridade viaria das estradas municipais, súmase á aposta estratéxica que o goberno provincial está a realizar na rede viaria de titularidade provincial con máis de 83M€ mobilizados neste mandato tanto en proxectos de mantemento e conservación, como de mellora e ampliación de estradas en colaboración directa cos concellos. Un esforzo investidor que sería aínda más amplo de incluír proxectos de cooperación cos concellos como os executados ao abeiro do Plan +Provincia ou en convenios de colaboración coas cidades de Vigo e Pontevedra.
“Queremos que as estradas estean nas mellores condicións. Na parte que lle corresponde á Deputación, están en moi bo estado porque facemos un esforzo enorme e tratamos de anticiparnos para que cando veñan as chuvias estean preparadas as cunetas, as drenaxes ou as plataformas. É algo que nos gustaría que copiaran outros, concellos como o da Lama xa o fan, pero as estradas nacionais están feitas un auténtico desastre, era ben que destinaran os recursos que hai que destinar”, reivindicou López, antes de recoñecer o esforzo dos concellos para mellorar servizos e infraestruturas e reafirmar o compromiso da Deputación coa mellora da rede viaria da provincia e a cooperación cos concellos.
