Luis López anima a gozar da final das Series Mundiais de Tríatlon, un evento que sitúa a provincia no centro mundial do deporte

O presidente da Deputación de Pontevedra participou este xoves na praza de España no acto de inauguración da gran final das Series Mundiais de Tríatlon, que se disputa esta fin de semana na cidade do Lérez

21/09/2023

Tríatlon

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, animou a toda a cidadanía da provincia a gozar dun evento deportivo que sitúa a provincia no centro mundial do deporte: a final das Series Mundiais de Tríatlon, que ten lugar esta fin de semana na cidade do Lérez. Fíxoo no discurso inaugural que pronunciou esta tarde de xoves na praza de España.

O dirixente provincial compartiu escenario co presidente da Xunta, Alfonso Rueda; co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; co presidente da Federación Española de Tríatlon, Jose Hidalgo; e coa presidenta da World Triathlon, Marisol Casado. Despois da actuación artística da compañía Pablo Méndez Perfomance, Luis López tomou a palabra para destacar a calidade organizativa da cidade para este tipo de eventos de primeiro nivel internacional e poñer en valor o bonito que é competir en Pontevedra.

“Para un triatleta, correr nunha cidade como Pontevedra é coma para un piloto de Fórmula 1 conducir polo circuíto de Mónaco”, iniciou o mandatario o seu discurso. “Coma no Principado, a de Pontevedra é unha carreira urbana, na que se corre por rúas cheas de historia e con centos de persoas animando ao longo de todo o percorrido”, argumentou o dirixente.

É esa particularidade, ademais da excelencia organizativa e a beleza paisaxística da capital das Rías Baixas, a que fixo de Pontevedra “unha das dez cidades que poden presumir de acoller unha gran final das Series Mundiais de Tríatlon”, destacou López, nunha intervención na que quixo poñer en valor a figura do pentacampión do mundo Javi Gómez Noya e do labor que fan as e os profesionais do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD).

“Querido Javi Gómez Noya, canto gozamos e sufrimos contigo! Como esquecer aquel 2019 contigo agardando na liña de meta a Pablo Dapena nun dobrete pontevedrés histórico no mundial de longa distancia”, recordou Luis López con emoción.

Sobre o traballo diario que se fai no CGTD coas promesas desta e doutras disciplinas, remarca Luis López que “nesa factoría que temos á beira do río teñen a receita para fabricar campións; unha receita que é secreta, pero hai dous ingredientes que podemos desvelar: o traballo e a constancia”.

O presidente da Deputación rematou a súa intervención cunha invitación a toda a cidadanía: “gocemos do espectáculo”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.