Luis López informa do investimento de 760.000€ por parte da Deputación para a mellora da seguridade da estrada que une Carballedo e Rebordelo, en Cerdedo-Cotobade

O mandatario provincial, acompañado polo alcalde e deputado Jorge Cubela, vén de percorrer un treito da estrada provincial EP-0403 na que a Deputación creará cunetas de seguridade e reporá o firme ao longo dun treito de 2,6 quilómetros

28/02/2026

Luis López informa do investimento de 760.000€ por parte da Deputación para a mellora da seguridade da estrada que une Carballedo e Rebordelo, en Cerdedo-Cotobade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informa do investimento de 760.000 euros por parte do organismo provincial para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0403 entre as localidades de Carballedo e Rebordelo. Fíxoo nunha visita ao concello de Cerdedo-Cotobade, acompañado polo alcalde e deputado provincial, Jorge Cubela, e por integrantes da asociación de veciños de San Martiño de Rebordelo, na que o dirixente provincial percorreu unha parte do treito desta estrada que será mellorada a través dun proxecto financiado ao 100 % pola Deputación.

A actuación, que xa foi aprobada en Xunta de Goberno polo executivo provincial, céntrase nun segmento de 2,6 quilómetros co obxectivo de mellorar o estado do firme e o sistema de drenaxe existente, que se atopan en mal estado. En concreto, mellorarase a canalización das augas a través da renovación das cunetas existentes e a creación de novas unidades onde non existían cun acabado en formigón para mellorar a seguridade e a vida útil das mesmas. Unha vez executada a drenaxe reporase o firme e, no tramo inicial, instalarase na marxe dereita da vía un tramo de barreira de seguridade, co fin de salvagardar a seguridade dos condutores. A actuación completarase cunha axeitada distribución dos espazos e mellora da sinalización.

O presidente Luis López sinalou que esta supón “un novo exemplo do traballo da Deputación para manter e modernizar a rede de estradas provinciais”. Un servizo no que a administración provincial destina este ano preto de 40M€ para mellorar o estado de mantemento da rede viaria provincial, mellorar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade peonil a través da planificación de actuacións nas que se ten en conta as achegas e colaboración dos gobernos locais.

Galerias de imaxes