Luis López asina coa alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, unha achega de 500.000€ da Deputación para os vestiarios da piscina e do campo das Maleitas

O presidente provincial visita o complexo deportivo de Forcarei para selar un acordo co que o ente provincial financia o 75% do custo da construción dun edificio multifuncional valorado en 650.000€ que mellorará os servizos deste recinto deportivo municipal

26/10/2026

Luis López asina coa alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, unha achega de 500.000€ da Deputación para os vestiarios da piscina e do campo das Maleitas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina coa alcaldesa de Forcarei e deputada provincial, Belén Cachafeiro, o convenio para a construción dun novo edificio multifuncional na contorna do campo de fútbol do complexo deportivo das Maleitas que albergará os vestiarios para a piscina e o campo de fútbol municipal. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. Nunha visita a este recinto deportivo de Forcarei, López e Cachafeiro selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 500.000 euros para financiar o 75 % dunha obra valorada en 650.000€ que completa o Concello cunha aportación de 150.000 euros. “Este é o modelo da Deputacion, que é o de percorrer os concellos e achegando recursos para executar proxectos estratéxicos, como o que acabamos de asinar”, explicou o mandatario provincial.

O proxecto consiste na construción dun novo edificio na contorna do campo de fútbol das Maleitas, no termo municipal de Forcarei. O proxecto dispón dun orzamento de 650.000 euros que servirán para dotar de novos vestiarios para dar servizo ao campo de fútbol e á piscina. Unha iniciativa que contribúe a ampliar os equipamentos deportivos do Concello e mellorar tanto os servizos como as infraestruturas do complexo deportivo das Maleitas. Neste sentido, López salientou o traballo da alcaldesa e do seu equipo de goberno para eu este tipo de actuacións pasen do papel ao terreo. “Este edificio multifuncional dará cobertura a todos os usos que ten este complexo deportivo na actualidade e no futuro. Un proxecto que acadou a máxima axuda para concellos de menos de 5.000 habitantes”, subliñou López.

Neste sentido, o presidente provincial reafirmou o compromiso estratéxico da Deputación tanto na colaboración cos concellos como no impulso ao deporte a través da mellora das instalacións e dos equipamentos municipais poñendo en valor a pegada de programas estratéxicos como o Plan Extra ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Forcarei, onde tamén están en marcha proxectos dirixidos á mellora doutros servizos e infraestruturas municipais a como a humanización da Rúa das Dúas Igrexas impulsada coa primeira convocatoria deste Plan Extra.

Galerias de imaxes