Luis López destaca a axuda imprescindible da Deputación para que os concellos pequenos e medianos da provincia melloren a súa captación de fondos europeos
O presidente provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, entrega a rexedores, concelleiros e técnicos de distintos concellos da provincia os diplomas pola súa asistencia ás xornadas sobre follas de rutas estratéxicas municipais 2030 para atraer financiamento comunitario aos seus proxectos de futuro
19/11/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de entregar a alcaldes, concelleiros e técnicos de concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia os diplomas pola súa asistencia ao ciclo de xornadas explicativas sobre fondos europeos e como mellorar a súa captación por parte da administración local organizada polo organismo provincial, no marco da axenda 2030.
No Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra, déronse cita este mércores representantes de concellos de diversos puntos da provincia para participar na clausura deste proxecto formativo promovido polo goberno provincial. Entre os asistentes estaban os alcaldes de Mondariz, Pablo Barcia; Pontecesures, María Teresa Tocino; Covelo, Pablo Castillo; Portas, Ricardo Martínez; Vilaboa, César Poza; Campo Lameiro, Carlos Costa; Moraña, Jose Luis Gómez; As Neves, Jose Manuel Alfonso; e Pazos de Borbén, Jose Luciano Otero. Ademais, tamén estiveron representados a través de concelleiros ou técnicos os concellos de Salceda de Caselas, Valga, Meis, Ribadumia.
O contido desta serie de xornadas formativas centrouse na explicación das liñas mestres que debe ter calquera proxecto promovido polos concellos que busquen a obtención de fondos europeos. Neste sentido, os plans municipais deben estar aliñados cos principais criterios da Axenda 2030 en materia, por exemplo, de sustentabilidade, coidado do medio ambiente, accesibilidade, seguridade viaria, fomento da mobilidade peonil, dixitalización ou eficiencia enerxética, entre outras materias.
Unha nova mostra do compromiso da Deputación cos concellos pequenos e medianos da provincia que se suma aos recursos que o goberno que preside Luis López está a mobilizar a través de distintos plans de cooperación deseñados especificamente para os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes. Unha sensibilidade que permitirá investir o vindeiro ano á Deputación un total de 128 millóns de euros a través de programas como o +Provincia, dotado con 50M€; ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cun orzamento de 8M€. Ademais destes dous plans, que van xa pola súa terceira convocatoria; estes concellos poderán volver contar cunha ferramenta estratéxica como o Plan Extra, que pon a disposición destes 59 concellos un orzamento de 35M€ para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos e transformadores.
