Luis López referenda o compromiso pola mellora da eficiencia enerxética na provincia co investimento de máis de 660.000 euros para reformar o pavillón marinense da Cañota

O presidente da Deputación de Pontevedra percorreu este martes as instalacións deste polideportivo para asinar un convenio de colaboración coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, enmarcado no programa “PON2030”

04/12/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns o municipio de Marín para asinar coa alcaldesa, María Ramallo, un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (“PON2030”) a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de 450.000 euros, o 70 % do orzamento, os traballos para mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética do pavillón polideportivo da Cañota. O Concello, pola súa banda, achega o 30 % restante, uns 200.000 euros. “Somos un goberno que tendemos pontes e esta colaboración é un novo exemplo da nosa meta de construír unha provincia que vai a máis”, declarou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.

A obra, valorada en máis de 660.000 euros, servirá para resolver os problemas de accesibilidade, illamento e imaxe que sofre esta instalación do barrio marinense da Cañota. A través desta intervención, actuarase en tres aspectos: os accesos, o consumo enerxético e o aspecto da fachada. A obra contempla a reposición das carpinterías exteriores, a instalación de paneis solares e a actuación na cuberta e na fachada para mellorar o illamento térmico. Ao mesmo tempo, contémplase a substitución das tres portas de acceso ao pavillón para facelas máis seguras e accesibles á vez que se mellora a conexión do inmoble coa rúa. En canto ao aspecto do edificio, o proxecto inclúe a homoxeneización dos acabados cuns materiais sinxelos, limpos, duradeiros e de fácil mantemento para facelo máis harmonioso coa contorna.

Segundo se recolle no convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Marín realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Non é a primeira vez que Luis López visita o Concello de Marín como presidente da Deputación, pero si que é a primeira vez que visita a vila do Morrazo para asinar un convenio de colaboración. Neste sentido, quixo destacar o labor da rexedora e a deputada provincial, María Ramallo, á fronte do Goberno local. “Traballar con persoas coma María Ramallo é algo exquisito porque sempre facilita as cousas. É unha municipalista convencida, que se dedica en corpo e alma á veciñanza de Marín; encarna a lealdade institucional e rexe o funcionamento do Concello de Marín; e comparte con nós o compromiso de transformar o concello”, concluíu o presidente da Deputación ao facer referencia a outras obras postas en marcha polo Goberno local de Marín coma a construción do auditorio ou a humanización da avenida de Ourense.

Galerias de imaxes