Luis López destaca a colaboración entre a Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade para destinar 260.000 euros á mellora da imaxe e os servizos do núcleo dos Castros

O presidente do Goberno provincial recibiu no seu despacho ao alcalde, Jorge Cubela, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no programa “PON2030”

15/12/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinaron un convenio de colaboración enmarcado no “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030)” a través do cal o Goberno provincial financiará con máis 220.000 euros, o 85 % do orzamento, os traballos para a humanización e mellora das infraestruturas no núcleo dos Castros. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % do total (40.000 euros). A sinatura do protocolo realizouse no despacho presidencial do Pazo provincial, durante o acto, Luis López destacou o esforzo e cooperación de ambas as administracións para transformar espazos urbanos e valorou o empeño do rexedor, Jorge Cubela, para mellorar os servizos prestados á veciñanza.

A obra valorada en 260.000 euros servirá para a renovación integral da imaxe e os servizos desta rúa da parroquia de Quireza. O proxecto contempla a renovación do pavimento dunha vía cun ancho que varía entre os 4 e os 8 metros, así como a implantación dunha zona axardinada na contorna da igrexa e o embelecemento de todo o ámbito con melloras no mobiliario urbano. Ademais, renovaranse tamén os colectores de pluviais e de abastecemento, así como a iluminación da rúa, na que se instalarán 17 luminarias con tecnoloxía LED que contribuirán á mellora da eficiencia enerxética e a un aforro no consumo de luz. Neste sentido, o mandatario provincial remarcou que a obra supón un novo paso adiante na mellora dos servizos prestados a cidadanía, na mellora da imaxe das aldeas e no avance no coidado do medio ambiente. Accións que, en definitiva, contribúen a fixar poboación nos concellos rurais da provincia de Pontevedra.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Cerdedo-Cotobade realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.