Luis López destaca que a pegada de artistas como Manolo Paz proxectan as Rías Baixas como “unha provincia de artistas” de nivel mundial
O presidente da Deputación participa na inauguración da exposición do artista cambadés en Park Avenue, onde terá exposta a súa colección ao aire libre ata o 30 de setembro
26/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o legado de referentes da arte e da cultura, como Manolo Paz, que sitúan á provincia de Pontevedra como “unha provincia de artistas” a nivel global. Fíxoo este sábado na emblemática Park Avenue de Nova York onde asistiu á inauguración da exposición do artista cambadés Manolo Paz, titulada “A distancia que une”, que estará aberta ao público desde este 25 de abril ata o vindeiro 30 de maio.
“Nesta emblemática Park Avenue, símbolo mundial do progreso, a globalización, a arquitectura e a difusión da arte e a cultura; é un orgullo que esta provincia de artistas que é Pontevedra teña un espazo propio para dar a coñecer o seu valioso e amplo patrimonio. Unha riqueza histórica que non deixa de aumentar o seu valor grazas ás achegas de artistas recoñecidos como Manolo Paz, que coa súa particular visión da arquitectura é capaz de relacionar con mestría a arquitectura da de Nova York coa da Praza do Obradoiro. Non é o único artista galego que deixou a súa pegada nesta cidade. Castelao tamén promoveu a galeguidade desde esta cidade. E hoxe desde a Deputación temos o privilexio e a responsabilidade de protexer e divulgar todo ese legado”, declarou o presidente provincial na inauguración da mostra, na que tamén estivo presente o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; e o alcalde de Lalín, José Crespo, entre outros.
A exposición do artista cambadés, exposta ao aire libre nesta icónica avenida neoiorquina, consta de dez esculturas icónicas, entre as que sobresaen obras como “Catedrales”, que establece un diálogo entre a pedra milenaria e os rañaceos de Manhattan; ou a serie “Nasa”, que rende homenaxe á bandeira estadounidense e á estética espacial. Unha mostra moi especial tanto para o artista como para a cultura pontevedresa, pois o proxecto xa forma parte do prestixioso programa de arte público coordinado polo NYC Parks e The Fund for Park Avenue.
Unha aposta pola arte universal que o presidente Luis López relacionou coa Bienal de Arte celebrada o pasado verán na provincia e que forma parte desa estratexia de potenciar a cultura local ao tempo que as Rías Baixas se consolidan como unha capital mundial para a creación artística. “O Museo de Pontevedra é unha referencia da cultura galega que exhibirá este ano por primeira vez a obra cume de Castelao: ‘A Derradeira Lección do Mestre’. E coa decisión de recuperar a Bienal de Arte de Pontevedra, a máis antiga de España, convidamos, igual que se fai en Park Avenue, aos mellores artistas do mundo para dialogar sobre os desafíos contemporáneos nese idioma universal que é a arte”, explicou o mandatario provincial, quen aproveitou a ocasión para convidar a todos os amantes da arte a que visiten as Rías Baixas e, de paso, desfruten da estrea da Bienal de Artes Vivas que organizará esta ano a Deputación.
