Luis López enxalza o legado de Xosé Neira Vilas para a defensa da lingua, a cultura e o rural galegos polo día institucional para o recoñecemento da súa figura
O presidente da Deputación, acompañado polo deputado de Cultura, participa en Vila de Cruces nunha lectura conxunta de “Memorias dun neno labrego”, obra cumio da narrativa galega e ferramenta para a posta en valor, defensa e impulso ao rural
03/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza o legado do escritor Xosé Neira Vilas para a defensa da lingua, a cultura e o rural tanto da provincia como de Galicia. Acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, o mandatario provincial achegouse este martes á Casa do Romano, na parroquia de Gres en Vila de Crucs, onde se conmemorou o Día de Neira Vilas e o Día da Lectura co obxectivo de poñer en valor a figura do autor de “Memorias dun neno labrego” que o vindeiro será recoñecido polo Día das Letras Galegas. “Neira Vilas deixou un legado de amor e respecto polas nosas tradicións, a nosa historia e o noso patrimonio. Que un veciño de Gres, de Vila de Cruces, do rural, en definitiva, da provincia de Pontevedra; sexa recoñecido polo Día das Letras Galegas é un privilexio e un motivo máis que nos convida a seguir protexendo e impulsando a súa obra, o seu compromiso co rural e a súa lingua, que tamén é a nosa”, declarou o mandatario na apertura da xornada.
O acto, celebrado na casa natal do escritor que cedeu para o fomento da cultura e a defensa da lingua, comezou coa benvida aos asistentes por parte do presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo. Logo das intervencións institucionais, quenda na que tomaron parte tanto o presidente da Deputación, Luis López, como o conselleiro de Cultura, José López Campos; e o alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada; comezou un exercicio coral de lectura da súa obra máis destacada e un emblema da literatura e a cultura galega: “Memorias dun neno labrego”.
“Moitos dos que me coñecen xa o saben, pero ‘Memorias dun neno labrego’ é moito máis ca o meu libro favorito. É un espello no que me miraba na miña infancia e xuventude, como fillo dunha familia labrega de Rodeiro. Igual non o sabía daquela, pero sen dúbida constitúe un punto de partida dun compromiso político e persoal co rural, que agora exerzo desde a Deputación. E é unha referencia do pasado do país, que debemos lembrar non sempre desde a nostalxia, senón desde a vocación de mellorar as condicións de vida no rural”, confesou o presidente provincial antes de reivindicar a importancia de impulsar o rural. “O rural non é unha despensa, non é un gran resort de fin de semana, non é unha foto do pasado á que mirar con nostalxia ou condescendencia, nin é unha reliquia para conservar intacta; e desde logo non é algo do que laiarse nin dar por perdido. O rural é un espazo social, económico, territorial e ata institucional distinto que merece ser tratado como tal: con respecto, con medidas reais, con esixencia, con ambición, con confianza e con continuidade. Neira Vilas elevou o rural á categoría da gran literatura. A tarefa que nos deixou a nós foi elevar o rural á categoría de espazo de gran futuro”, remarcou Luis López.
Ademais do compromiso co interior da provincia e os núcleos rurais, salientou o presidente provincial que a Deputación tamén comparte co autor Xosé Neira Vilas o compromiso polo impulso da lingua e da cultura galegas. Unha misión que a Deputación atende desde todos os ámbitos e con toda clase de programas entre os que sobresaen o +Música, para divulgar a música galega; ou a exposición do cadro de Castelao, “A derradeira leición do mestre” por primeira vez no Museo de Pontevedra.
