Luis López presenta a banda sonora do verán nas Rías Baixas reforzada: máis festivais, o Underfest Xacobeo en Vigo; e máis recursos, 340.000€ de orzamento
O mandatario provincial, acompañado pola deputada Nava Castro, dá a coñecer no xardín do Palacete das Mendoza os detalles dos seis festivais de música que se celebrarán este ano en cinco concellos da provincia co patrocinio da Deputación
09/06/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta os festivais patrocinados polo organismo provincial a través da marca Rías Baixas Fest como “a banda sonora do verán” na provincia. Seis eventos que funcionan como atractivos turísticos de primeira e que, segundo anunciou o dirixente, este ano reciben un maior apoio por parte da Deputación, que eleva o importe do patrocinio en 50.000€, ata os 340.000€, e incorpora o Underfest Xacobeo de Vigo a unha nómina que xa contaba con Portamérica (Portas), SonRías (Bueu), Sin Sal (Redondela), Atlantic Fest (Vilagarcía) e Revenidas (Vilagarcía). “Os Rías Baixas Fest nos converten nunha referencia, nun destino vinculado á cultura, natureza, gastronomía e territorio”, afirmou o presidente no xardín dos Palacete das Mendoza, onde tivo lugar a presentación destes festivais, na que tamén participou a deputada de Turismo, Nava Castro.
Coa actuación musical do cociñeiro estrela Michelin Pepe Solla e Rodrigo Valiente déronse a coñecer os detalles dunha nova edición dos Rías Baixas Fest, que subirán o pano do 3 ao 5 de xullo coa celebración do Portamérica na Azucreira de Portas. No mesmo mes, do 18 ao 20 de xullo, celebrarase na praia da Concha de Vilagarcía o Atlantic Fest e do 25 ao 27, na Illa de San Simón, o SinSal. Do 31 de xullo ao 3 de agosto chega ao recinto das Lagoas en Bueu o SonRías, mentres que do 11 ao 14 de setembro celebrarase en Volaxoán o Revenidas. Péchase o ano coa celebración da nova incorporación dos Rías Baixas Fest, o Underfest Xacobeo terá lugar os días 14 e 15 de novembro en distintos emprazamentos da cidade de Vigo. “O turismo de festivais medrou na península Ibérica un 500% na última década e os datos de facturación converteron a España no primeiro destino do turismo de festivais de todo o mundo, con preto de 600 millóns de euros. Así que temos unha inmensa oportunidade para consolidarnos como un dos destinos favoritos do público”, explicou a deputada Nava Castro a transcendencia deste tipo de propostas para o destino turístico da provincia.
“Esta alianza entre o sector musical e a Deputacion está a dar os seus froitos. Vós poñedes o voso talento e nós todos os mimbres”, declarou o presidente López antes de adiantar o incremento dun 20 % no orzamento deste patrocinio e da inclusión dun sexto festival. ”Na Deputación temos unha máxima: a descentralización. E os festivais son un claro exemplo de que a cultura hai que espallala por todas as Rías Baixas, que están conformadas por 61 concellos. Esta é unha maneira de axudar no reto demográfico”, remarcou o dirixente, quen recoñeceu a estes festivais como un escaparate internacional e que afonda na estratexia do goberno provincial para organizar eventos culturais en todos os concellos da provincia a través de programas como o +Música ou o Culturea.
“Convidamos a todo o mundo a que nos visiten este verán e tamén fóra da época estival, porque xa sabemos o que acontece: quen vén a esta provincia, repite”, concluíu o presidente, quen agradeceu o labor dos organizadores destes festivais e reafirmou o compromiso da Deputación para seguir impulsando unha marca de recoñecido prestixio como o Rías Baixas Fest.
