Luis López presenta un trail único en España que unirá os castelos de Soutomaior e Sobroso para consolidar a provincia como un destino turístico ligado ao deporte

O presidente da Deputación, acompañado polas directoras de Turismo e Deportes, Romina Fernández e Xisela Aranda, presentou o evento deportivo impulsado polo goberno provincial que se celebrará durante a fin de semana do 18 e 19 de abril

25/02/2026

Luis López presenta un trail único en España que unirá os castelos de Soutomaior e Sobroso para consolidar a provincia como un destino turístico ligado ao deporte

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar este mércores no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, unha innovadora proba deportiva: o trail “entre Castelos Rías Baixas”. Unha proposta única en España que conectará a través dunha carreira a pé de case 26 quilómetros as dúas fortificación de titularidade provincial, o Castelo de Sobroso, en Mondariz; e o Castelo de Soutomaior. “O ano 2026 comezou coa estrea da campaña ‘Rías Baixas: a túa meta, o teu destino’ e hoxe traemos a segunda entrega dese binomio de turismo e deporte cun trail que é único en España, non hai outro que una dous castelos”, afirmou o mandatario provincial, que estivo acompañado polas directoras de turismo e deportes, Romina Fernández e Xisela Aranda, sobre un evento que terá lugar na fin de semana do 18 e 19 de abril.

Trátase dunha proba deseñada para o desfrute en familia de todo tipo de deportistas, xa sexan afeccionados ou experimentados. O trail, que terá ligar o domingo 19 de abril, dispón dun percorrido de 25,7 quilómetros con saída desde o Castelo de Sobroso (Mondariz) e chegada no Castelo de Soutomaior cun percorrido que atravesará espazos naturais de alto valor ecolóxico e paisaxístico. Ademais da carreira principal, haberá eventos complementarios ao longo de toda a fin de semana como unha andaina popular de 8,7km, que terá lugar o domingo na contorna da fortaleza de Soutomaior, unha carreira infantil para menores de 6 a 12 anos prevista para o sábado, así como obradoiros de animación infantil e food trucks ao longo da fin de semana. O prazo de inscrición ábrese este xoves, 26 de febreiro, a través das páxinas oficiais da proba ou de Turismo Rías Baixas. A participación é gratuíta, pero as prazas están limitadas a 500 corredores para o trail, 300, para a andaina; e 200, para a carreira infantil.

“Convidamos a todo o mundo a que veñan desfrutar dun evento que é moito máis ca unha proba deportiva”, remarcou o presidente provincial para destacar o significado dunha iniciativa coa que a Deputación “pon en valor os seus dous castelos, que son dous dos moitos tesouros que temos nas Rías Baixas; pon novamente de manifesto o noso compromiso para promover o turismo de interior, dando continuidade á campaña ‘Cando Volves?’ do ano 2025 que versou sobre o interior e o obxectivo de descentralizar a actividade turística; e damos un paso máis na campaña ‘Rías Baixas: a túa meta, o teu destino’ deste ano 2026 unindo deporte e turismo”.

Despois de agradecer a colaboración dos gobernos locais de Mondariz e Soutomaior para a organización da proba, o presidente Luis López reafirmou “o compromiso da Deputacion co turismo e o deporte, para consolidar un destino descentralizado, desestacionalizado e sustentable ligado á natureza, ao patrimonio e á cultura”. Para rematar lanzou unha mensaxe aos participantes: “Todos os que veñan descubrirán que as Rías Baixas vai ser a súa meta e o seu destino”, rematou.

Galerias de imaxes