Luis López aplaude a conexión entre a Universidade de Vigo, Bimba y Lola e Palomo Spain para promocionar a moda e a creatividade desde a provincia

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, participa no Museo presentación da colección creada por estudantes do Campus de Pontevedra

20/11/2025

Luis López promocionar a moda e a creatividade desde a provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra a iniciativa da Universidade de Vigo para dar a coñecer o talento dos novos deseñadores da provincia que se forman na facultade de Deseño diante de referentes internacionais da moda como Palomo Spain ou os responsables da marca Bimba y Lola. Fíxoo na presentación da colección da firma galega e do recoñecido deseñador Palomo Spain creada por un grupo de estudantes do Campus de Pontevedra que se pode contemplar xa no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. "Adoito dicir que as Rías Baixas están de moda e, sen deixar de ser certo, hoxe coido que cómpre dicir que a moda está nas Rías Baixas", afirmou o mandatario provincial que estivo acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez.

A mostra estreada este xoves, que poderá ser visitada ata o vindeiro 23 de novembro, está composta pola creación de quince estudantes do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda que traballaron con dúas referencias internacionais do sector como Palomo Spain e Bimba y Lola para dar a luz a esta colección. Unha iniciativa que está enmarcada na programación da pasarela Debut que organiza cada en Pontevedra a Facultade de Deseño. Neste sentido, o vicepresidente Rafa Domínguez puxo en valor o importancia deste tipo de iniciativas. "A Universidade é un dos elementos da idiosincrasia desta cidade que fai que sexamos un fervedoiro cultural. Coa especialidade do Campus Crea, en Pontevedra contamos cunha canteira de disciplinas tan creativas como o deseño gráfico, a moda, a comunicación audiovisual ou a publicidade e toda esa canteira é a que despois nos posiciona como un fervedoiro cultural de primeira categoría", afirmou Domínguez.

"Na principal pinacoteca da provincia, no templo da arte con selo pontevedrés, no centro da Bienal de Arte contemporánea, a máis antiga de España, tras atraer a 125.000 visitantes; a presenza de tantas figuras xuntas, futuros cracks do deseño e cracks actuais, dános a razón na aposta que facemos pola Cultura", admitiu Luis López, quen tamén amosou o seu recoñecemento a Bimba y Lola como emblema do tecido empresarial e da moda e polo seu apoio ao ensino, así como a Palomo Spain por visitar a provincia para compartir o seu talento. "A moda nas Rías Baixas ou das Rías Baixas sempre será benvida", rematou o presidente provincial.

Galerias de imaxes