Luis López valora o compromiso coa sustentabilidade e a protección dos montes da Federación Galega de Caza, que dan a coñecer a súa actividade a través da banda deseñada
O presidente provincial participa na presentación da obra “Se non existira, habería que inventala” que conta coa colaboración do organismo provincial para a súa edición
21/11/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, valora o compromiso coa sustentabilidade e a protección do sector forestal que demostra a Federación Galega de Caza coa publicación dunha obra de banda deseñada titulada “Se non existira, habería que inventala” coa que buscan dar a coñecer a novos públicos a utilidade desta actividade e os seus beneficios para natureza. Unha iniciativa novidosa que conta coa colaboración do organismo provincial para a impresión e difusión da publicación. “Nun só acto, recollemos tres das nosas bandeiras: impulso aos colectivos, protección ao territorio e apoio ao deporte, á cultura e á lingua”, recoñece o mandatario provincial.
A obra xira arredor da caza, a súa coexistencia pacífica con outros usos do monte e o coidado do medio ambiente e a sustentabilidade, así como a súa función imprescindible para a prevención de accidentes de tráfico relacionada coa fauna silvestre. Unha obra debuxada pola ilustradora Irma que narra de xeito didáctico dúas historias en paralelo dun grupo de cazadores e dous ciclistas que acaban cruzándose e que reflicten a importancia dunha actividade cinexética responsable.
Ademais do presidente Luis López, participaron na presentación da obra os deputados provinciais Marcos Guisasola e Paula Bouzós, así como o vicepresidente da Real Federación Española de Caza, Luis Eusebio Fidalgo, o presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra e promotor da iniciativa, Francisco Couselo, a ilustradora da obra, Irma María Loureiro; e representantes de distintos ámbitos do sector a nivel autonómico e nacional.
