Luis López sitúa o CAAN como unha “referencia en España” despois da adopción de 620 animais e a prestación de servizos clave para os concellos

O presidente da Deputación vén de visitar o Centro de Acollida e Protección de Animais de Meis na que anunciou un investimento de 20.000€ para a mellora dos quirófanos e apontoar o servizo de control de colonias felinas do que se benefician 40 concellos

07/04/2026

Luis López sitúa o CAAN como unha “referencia en España” despois da adopción de 620 animais e a prestación de servizos clave para os concellos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de anunciar un novo investimento de 20.000 euros por parte do goberno provincial no Centro de Acollida e Protección de Animais que xestiona o ente provincial na Armenteira, en Meis, para mellorar os equipamentos dos quirófanos co obxectivo de mellorar o servizo de control de colonias felinas que puxo en marcha a Deputación hai menos de dous anos, que serviu para atender a preto de 1.800 gatos e do que xa se benefician 40 concellos de menos de 20.000 habitantes. “O CAAN é unha referencia en cooperación cos concellos, pois prestamos unha axuda fundamental en 52 concellos da provincia; referencia en coidado dos cans, aquí non só rescatamos cans, tamén lles damos unha segunda oportunidade cunha familia; e referencia no coidado dos gatos”, sinalou o mandatario provincial nunha visita a este refuxio na que tamén estivo presente o deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola.

Coa posta en marcha a mediados no ano 2024 desta campaña de control de colonias felinas, o goberno provincial dá un novo paso adiante na cooperación cos concellos da provincia axudándoos a cumprir coas súas obrigas derivadas da lei de Benestar Animal. A través do CAAN, a Deputación está a identificar, esterilizar, vacinar e desparasitar estes animais. Un servizo que está a experimentar unha elevada demanda, polo que desde a Deputación veñen de aprobar un investimento de 20.000 euros para mellorar os equipamentos do quirófano e poder prestar un mellor servizo e garantir a seguridade dos animais atendidos. Con estes recursos, que se suman aos preto de 3,6M€ mobilizados pola Deputación no CAAN neste mandato para a posta en marcha desta campaña e dar continuidade ao resto de servizos prestados, mercarase material de quirófano, un novo equipo de análise de sangue e de tratamentos e unha nova mesa para cirurxías.

Ademais da campaña de control de colonias felinas, o CAAN segue a ser unha referencia no rescate, coidado e busca de familia para cans vítimas de abandono e outros tipos de maltrato. Entre os anos 2025 e o que vai de 2026, a Deputación xestionou a adopción de 620 individuos. Ademais, neste tempo foron atendidos 2.150 avisos de recollida, recuperáronse máis de 1.300 animais e foron devoltos aos seus donos, ben no lugar onde foron atopados ou ben no refuxio de Meis, 650 cans. O 70 % dos animais que entran no refuxio conseguen ser adoptados e o período de estancia media no centro é de 80 días, o mínimo histórico. Aínda así, nas instalación da Armenteira aínda residen 180 cans, dos cales 54 son cachorros, agardando que unha familia os adopte.

Neste sentido, desde a Deputación está en marcha unha campaña, valorada en 30.000 euros, para fomentar as adopcións cun enfoque novidoso ao poñer o foco nos beneficios que ofrece para as persoas convivir cun can: favorece a actividade física, fomenta o contacto social e axuda nas doenzas relacionadas coa saúde mental.

“O CAAN é un centro de referencia, no que a Deputación inviste máis de 1M€ cada ano, que suscita o interese de profesionais e institucións de todo o país e mesmo concellos doutras provincias están a demandar xa a outras Deputacións que poñan en marcha un centro e un servizo como o noso”, concluíu Luis López.

Galerias de imagenes