A Deputación atendeu preto de 3.000 gatos en dous anos no programa de control de colonias felinas do CAAN
40 concellos da provincia están adheridos a este servizo, no que se logrou esterilizar preto de 2.800 animais, desparasitar máis de 2.700 e vacinar máis de 2.500
08/08/2026
A Deputación de Pontevedra conta desde 2013 cun centro de acollida e protección de animais que presta servizo a 52 concellos de menos de 20.000 habitantes. Situado no Busto, na Armenteira (Meis), o CAAN é o único centro público de acollida de animais desta entidade situado na provincia, cunhas instalacións que suman preto de 10.000 m2 e un equipo formado por seis operarios de lacería con atención as 24 horas de todos os días do ano, así como catro veterinarios que garanten que os animais que residen no centro estean nas mellores condicións. Aínda que os servizos de acollida e adopción que presta o CAAN se centran unicamente nos cans, desde o ano 2024 a Deputación ten en marcha un programa de control de colonias felinas que nos seus primeiros dous anos de vida xa prestou servizo a un total de 40 concellos da provincia e atendeu preto de 3.000 animais.
A través deste servizo, que conta cun orzamento anual de 350.000 euros, a Deputación realiza esterilizacións de gatos procedentes de colonias felinas legalmente establecidas nos concellos adheridos. Facilítase a implantación dun programa sanitario completo para estes animais, que inclúe a súa identificación, desparasitación, esterilización e vacinación, e tamén se abarca a captura e transporte dos gatos. O programa inclúe a identificación oficial con microchip, esterilización, desparasitación, testaxe e vacinación dos animais.
O servizo de control das colonias felinas préstase en base a criterios de poboación, considerando que o número de animais presentes nas colonias está directamente relacionado coa poboación de cada zona. Deste xeito, establécese un límite de entre 25 animais ao ano en cada concello de menos de 5.000 habitantes ata un máximo de 250 nos concellos de máis de 40.000. Ata o momento xa se atenderon preto de 2.900 gatos, dos cales foron vacinados máis de 2.500, identificados e desparasitados máis de 2.700 e esterilizados preto de 2.800.
Unha vez que os concellos soliciten ao CAAN a súa colaboración para esterilizar os gatos comunitarios recollidos en colonias felinas legalmente establecidas, o persoal contacta co responsable designado polo concello para concertar visitas de valoración onde se determinarán as colonias obxecto de actuación, os puntos de captura e as condicións a ter en conta para a mesma. Nunha nova visita, o persoal xa se despraza ao lugar sinalado polo concello para realizar as capturas acordadas, sempre baixo a supervisión e colaboración do persoal municipal.
Os animais que son capturados son trasladados ao CAAN, onde o persoal veterinario os atende para realizar unha exploración completa, realizar test de inmunodeficiencia e leucemia felinas, os labores de desparasitación externa e interna, identificación, marcaxe e esterilización (unicamente sobre animais sans). Os animais son sedados para causarlles o mínimo estrés e garantir a súa seguridade, así como o do persoal do centro. Unha vez recuperados das intervencións veterinarias, devólvense ás súas colonias orixinais.
Para unha mellor prestación deste servizo, a Deputación de Pontevedra realizou un esforzo para a adquisición e instalación de novos equipos médicos no centro, co que se adquiriu unha mesa cirúrxica, packs de instrumental cirúrxico e xerador de osíxeno que permiten realizar estas intervencións baixo condicións óptimas, cun orzamento superior aos 7.000 euros. Ademais, tamén se adquiriron 30 gaiolas de captura de gatos, no que se investiron máis de 10.000 euros.
Coa posta en marcha a mediados no ano 2024 desta campaña de control de colonias felinas, o goberno provincial deu un novo paso adiante na cooperación cos concellos da provincia co obxectivo de axudalos a cumprir coas súas obrigas derivadas da lei de Benestar Animal. Este sábado 8 de agosto celébrase un dos tres días mundiais do gato, declarado pola International Fund for Animal Welfare (IFAW) por coincidir na súa época de maior fertilidade no hemisferio norte, xa que a actividade reprodutiva dos gatos está condicionada principalmente pola cantidade de horas de luz solar.