Luis López dá a benvida ás nenas e nenos que inician no Centro Vacacional da Lanzada uns campamentos de verán da Deputación que desfrutarán este ano 1.540 menores
O presidente provincial, xunco co deputado de Xuventude, Jorge Cubela, visita o complexo do Grove no que 126 rapaces e rapazas de 37 concellos desfrutan dunha semana de actividades lúdicas e culturais nun programa que se estenderá ata o 5 de setembro
22/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns o Centro de Vacacións da Lanzada para inaugurar os campamentos infantís de verán que organiza cada ano o organismo provincial. O dirixente, acompañado polo deputado responsable do Servizo de Xuventude, Jorge Cubela, saudou aos 126 nenas e nenos que desfrutan desde este hoxe nuns campamentos que, en quendas dunha semana de duración, se prolongarán ata o 5 de setembro e nos que participarán un total de 1.540 menores de 7 a 13 anos de idade. “As Rías Baixas está chea de lugares que paga a pena descubrir, tanto no verán como no inverno. Un deses recunchos máxicos que ten esta provincia é este centro de vacacións da Lanzada”, díxolle o presidente aos participantes, aos que preguntou polos seus lugares favoritos da provincia para pasar as vacacións.
Despois de percorrer as instalacións deste centro que xestiona a Deputación, no que o goberno provincial está a impulsar neste mandato distintas obras de mellora por valor de case 300.000 euros, Luis López conversou coa cativada, interesouse polas actividades previstas para toda a semana baixo o coidado dun equipo de monitores ao que o dirixente tamén recoñeceu e agradeceu o seu labor.
Nesta quenda inaugural, son 126 as nenas e nenos de 37 concellos da provincia os que están a participar en diversas actividades como unha excursión á illa de Ons, saídas polo espazo natural da contorna deste centro ubicado en San Vicente, así como de actividades musicais, deportivas ou teatrais ademais de infinidade de xogos co obxectivo de gozar do verán ao tempo que fomentan valores como o respecto, a igualdade, a tolerancia ou o coidado do medio ambiente.
Ata o 5 de setembro serán un total de 1.540 nenas e nenos os que pasen por este Centro de Vacacións. Unha cifra que demostra cada ano o interese que espertan estes campamentos entre as familias da provincia e aos que o goberno provincial destina case 450.000e para a súa organización.
A Deputación garante a continuidade dos campamentos
Ante as informacións publicadas en medios sobre a titularidade dos terreos, a Deputación garante que os campamentos de verán que organiza cada ano no Centro Vacacional da Lanzada seguirán desenvolvéndose cada ano para atender, entre outros, ao altísimo interese que concitan entre as familias do conxunto do territorio da provincia, así como á continuidade da Pousada da Lanzada.
