Luis López recalca o compromiso da Deputación coa Cooperativa O Rodo e con Rodeiro nun encontro que demostra a forza e o futuro do rural na provincia

O presidente provincial vén de participar este venres novamente no tradicional xantar con cooperativistas do Rodo en Rodeiro, no que detallou iniciativas da Deputación para potenciar o emprego, a economía, as infraestruturas e os servizos no municipio

13/11/2026

Luis López recalca o compromiso da Deputación coa Cooperativa O Rodo e con Rodeiro nun encontro que demostra a forza e o futuro do rural na provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, certifica “con feitos” o compromiso da Deputación no apoio ao rural, ao sector agrogandeiro e aos concellos pequenos e de interior como Rodeiro. Fíxoo nun encontro con cooperativistas do Rodo, aos que adiantou investimentos novidosos da administración provincial para o vindeiro ano que benefician directamente a Rodeiro e ao sector gandeiro.

“Por moito traballo que teña no meu, este xantar non mo perdo. Por moi lonxe que estea ou moi cargada que teña a axenda sempre haberá un oco para atender a chamada do Rodo, que é o mesmo que dicir que sempre hai un momento para apoiar a Rodeiro. Non o digo como presidente nin como exalcalde, dígoo como cambote de San Salvador, e sobre todo, como fillo de cooperativista do Rodo. Estea onde estea seguirei escoitando, entendendo e atendendo á Cooperativa, porque Rodeiro non se entende sen O Rodo. Trato de axudarvos a todos na medida das miñas posibilidades, que non son infinitas, e as primeiras palabras que digo cando estou en Pontevedra ou máis alá son sempre as mesmas: eu son de Rodeiro”, remarcou o presidente durante o xantar.

No Orzamento da Deputación para o vindeiro ano 2027, aprobados xa de xeito inicial en pleno para a súa entrada en vigor o 1 de xaneiro, figura un importe de 500.000 euros para axudas a cooperativas agrogandeiras da provincia da que se poden beneficiar colectivos como O Rodo e que supoñen un aumento de 150.000€ con respecto a contía do ano anterior e o dobre con respecto aos fondos do ano 2023. “Non nos desentendemos cando alguén nos pide axuda. Non as subimos as axudas un pouco nin a metade, non; as duplicamos”, salientou López. Así mesmo, tamén destacou o “servizo esencial” que presta Finca Mouriscade ao sector primario ou a atención ao reto demográfico e aos problemas de vivenda para desenvolver en Rodeiro un “proxecto piloto en Galicia” para recuperar a aldea de Remesar cun desembolso inicial de 300.000€, tamén incluído no Orzamento.

“Creo no futuro do rural, desta cooperativa e de Rodeiro; e todos facemos falta. Homes e mulleres. Coñezo cooperativistas do Rodo, en feminino, que o dan todo por esta cooperativa, e merecen todas as oportunidades do mundo. Van ter éxito, estou seguro”, concluíu o presidente.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.