A Deputación concede 350.000 euros a 18 cooperativas agrogandeiras para apoiar un sector “estratéxico” no desenvolvemento económico da provincia

Luis López deu conta da aprobación dos recursos, que recaerán en entidades dun total de 11 concellos da provincia para avanzar na súa modernización e a súa competitividade

26/06/2026

A Deputación concede 350.000 euros a 18 cooperativas agrogandeiras para apoiar un sector “estratéxico” no desenvolvemento económico da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación da concesión das axudas ás cooperativas agrogandeiras da provincia, nas que se repartirán un total de 350.000 euros entre 18 cooperativas con sede en 11 concellos da provincia de Pontevedra: Cambados, Cangas de Morrazo, Forcarei, Lalín, Meaño, Moaña, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Rodeiro e O Rosal.

Tal como sinalou Luis López, esta convocatoria responde á consideración do sector primario como “un sector económico estratéxico e fundamental para a provincia”. Grazas a estes investimentos, que oscilan entre os preto de 2.000 e os 32.000 €, poderán facer fronte a actuacións de mellora das súas instalacións, á adquisición de maquinaria, de material informático ou de oficina ou de vehículos, e tamén proxectos de dixitalización dos seus servizos e as súas canles de venda. “Grazas ao apoio da Deputación, con liñas de axudas como esta, avanzamos na súa modernización para que poidan gañar en competitividade”, valorou o presidente provincial.

O groso das axudas recaen nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. En Forcarei, a Cooperación Agrícola de Forcarei recibirá preto de 32.000 €, mentres que en Lalín benefícianse seis cooperativas: Aprodeza (29.000 €), Campodeza (32.000 €), Cooperativas Gandeira de Botos (23.000 €), Gandeiros do Deza (24.000 €), Val do Deza Sociedade Cooperativa Agraria (6.000 €) e Xuncoga (28.000 €). Tamén recibe achegas a Cooperativa O Rodo, de Rodeiro, con preto de 30.000 €.

Na comarca do Morrazo, cooperativas de Cangas de Morrazo (Pouso da Serra, preto de 2.000 €) e Moaña (A Meixoeira, preto de 13.000 €). Na zona do Salnés, recibirá os recursos cooperativas de Cambados (Adega Condes de Albarei, 15.000 €, e Horsal, 23.000 €), Meaño (Cooperativa Vitivinícola Arousana, 30.000 €) e Ribadumia (SAT N 40435, 3.900 €). Con sede en Pontevedra, Cobideza recibirá 31.000 €, mentres que Viña Almirante, en Portas, recibirá outros 16.000 €. Por último, benefícianse dúas cooperativas do Rosal: Porta Río Miño (preto de 5.000 €) e O Alcouve da Moura (máis de 7.000 €).

O obxecto das axudas é impulsar a comercialización, a transformación e a valorización das producións agrogandeiras, a formación técnica e o asesoramento para desenvolver proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, o uso das novas tecnoloxías, das enerxías renovables e o aforro enerxético e tamén financiar investimentos para mellorar os servizos que prestan as cooperativas.

audios