Luis López ve na Festa da Arribada de Baiona un sinal de identidade do tirón turístico das Rías Baixas, dos lazos de unión con América e da hospitalidade da veciñanza
O presidente provincial participa, xunto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde e deputado, Jesús Vázquez Almuíña, na inauguración da XXX Festa da Arribada, unha cita de interese turístico internacional
28/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sitúa á Festa da Arribada como un sinal de identidade do tirón turístico das Rías Baixas, como unha mostra dos lazos de unión entre Galicia e América e a demostración do carácter acolledor e hospitalario das veciñas e veciños da provincia. Fíxoo este sábado na celebración da trixésima edición dunha festa declarada de interese turístico internacional e que conmemora cada ano a chegada da carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, ao porto de Baiona o 1 de marzo de 1493 despois de formar parte da expedición que chegou por primeira vez a América.
“Hoxe, nun contexto de fronteiras, aranceis e guerras; non sobra recordar que coa Arribada da Carabela Pinta a este porto de Baiona, a Humanidade atopou na mestura de acentos e no intercambio de mercadorías e culturas un dos seus maiores motores de progreso. Aquí sabemos moi ben que ás veces a un lle toca ser visitante e outras moitas, anfitrión. Na distancia entre ser a terra de despedidas de onte ao lugar de benvidas de hoxe, está a razón de ser da nosa mellora. Antonte eramos unha fonte de emigración, neste 2026 somos capital do turismo na que ninguén é forasteiro. Este feito que, cinco séculos despois daquel primeiro contacto entre Europa e América, nas Rías Baixas segue a ser sinal de identidade.”, declarou o presidente da Deputación no Paseo Pinzón de Baiona, onde compartiu espazo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o alcalde de Baiona e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña; e cos rexedores dos municipios irmandados pola chegada a América: Palos de la Frontera, en Huelva; e Santa Fe de la Vega, en Granada.
Despois da recepción oficial que tivo lugar na Casa do Concello de Baiona, a comitiva desprazouse ata o Paseo Pinzón para inaugurar de xeito oficial a festa acompañados pola Banda de Música de Baiona. A cerimonia de apertura da trixésima edición da Festa da Arribada rematou coa tradicional ofrenda de cinco coroas florales aos pés da estatua de Martín Alonso Pinzón. Unha delas colocouna o presidente provincial. “Neste Paseo Pinzón, coa Fortaleza de Monterreal ás costas; a Virxe da Roca, a un lado; a carabela Pinta, ao outro; e, ao fondo, as Illas Cíes. Estaredes comigo en que a postal non pode ser mellor”, salientou López para poñer en valor a beleza patrimonial de Baiona, unha das grandes xoias do turismo nas Rías Baixas.
Grazas a este fito, Baiona, as Rías Baixas e Galicia son –e serán por sempre— o quilómetro cero dunha ponte que, ademais, se entende nun mesmo idioma. O idioma das portas abertas e a hospitalidade, o idioma do entendemento e a cordialidade e o idioma da colaboración para o crecemento conxunto. Longa vida ao que naceu aquel día en Baiona o 1 de marzo de 1493. Longa vida a Arribada. Sexan todos benvidos a Rías Baixas que, xa daquela, foi meta e foi destino”, concluíu o presidente provincial co lema da campaña de promoción turística da provincia, que conta coa Festa da Arribada de Baiona como unha das súas principais estandartes.
