Luisa Sánchez anuncia a apertura da segunda convocatoria do programa Depo Van, que reforza o apoio á mobilidade dos clubs da provincia cun millón de euros

A vicepresidenta entregou á AD Carballal, beneficiaria da primeira edición desta liña de axudas, a furgoneta coa que mellorará a súa loxística

18/03/2026

Luisa Sánchez anuncia a apertura da segunda convocatoria do programa Depo Van

A Deputación de Pontevedra publicou este mércores a segunda convocatoria do programa Depo Van, a iniciativa provincial destinada a facilitar a mobilidade dos clubs deportivos a través de axudas para a adquisición ou adaptación de vehículos e medios de transporte destinados á actividade deportiva. Así, este venres abrirase o prazo de presentación de solicitudes, que será de 20 días hábiles.

Coincidindo coa apertura da nova edición desta liña de subvencións, a vicepresidenta da Deputación e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, visitou a parroquia viguesa de Cabral para entregar á AD Carballal, unha das entidades beneficiarias da primeira convocatoria, a furgoneta que vén de incorporar para mellorar a súa loxística e os seus desprazamentos a partidos e adestramentos.

A representante provincial puxo en valor os beneficios deste programa no día a día dos equipos. Neste sentido, subliñou que “contar cun vehículo propio marca unha diferenza clara para clubs como este, que fan un grande esforzo na súa actividade cotiá”. A vicepresidenta destacou tamén que o obxectivo da Deputación de Pontevedra é “responder a necesidades concretas dos clubs con ferramentas útiles e accesibles”.

“A AD Carballal leva anos competindo a bo nivel e facendo un traballo moi serio, sostido no tempo. Representa un exemplo claro de como un club ben organizado precisa ferramentas que lle permitan seguir medrando sen complicarse en cuestións básicas como o transporte”, afondou.

A segunda convocatoria de Depo Van conta cun orzamento de un millón de euros, un 67% máis que na edición anterior, o cal permitirá ampliar o número de entidades beneficiarias. O presuposto distribúese do seguinte xeito: 550.000 euros para entidades de calquera disciplina, 350.000 euros para especialidades náuticas e 100.000 euros para entidades con deportistas con discapacidade.

As subvencións poderán acadar ata o 80% do investimento, cun máximo de 25.000 euros para vehículos novos, 15.000 euros para vehículos usados e 5.000 euros para remolques ou adaptacións, incluídas aquelas destinadas ao transporte de persoas con discapacidade.

A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta criterios como o número de licenzas, o nivel de competición, o ámbito xeográfico das probas nas que participan ou a dispoñibilidade previa de vehículos. As entidades que non resultaron beneficiarias na edición anterior poderán presentar ata dúas solicitudes, mentres que as que xa recibiron axuda poderán optar a unha.

Galerias de imaxes