Luisa Sánchez amosa o seu apoio ao boxeo galego durante o Memorial Paco Amoedo celebrado en Vigo
21/02/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este sábado á velada de boxeo celebrada no pavillón Pablo Beiro de Bouzas en memoria de Paco Amoedo, onde amosou o seu apoio a un deporte que “cada vez está a adquirir máis forza en Vigo”. A cita, organizada polo CD Saudade para render homenaxe a unha das figuras máis influentes do boxeo galego, incluíu nove combates que combinaron a presenza de púxiles consolidados e novas promesas. Luisa Sánchez destacou o labor deste club por manter vivo o legado de Amoedo, salientando ademais a súa dimensión humana. A representante provincial tamén subliñou o papel fundamental do homenaxeado como formador e impulsor do deporte a través do Saudade, onde transmitiu valores como o esforzo, a disciplina e o compañeirismo.
