Luisa Sánchez pon en valor o mar como “espazo de encontro, cultura, ocio e oportunidades” na presentación do Festival Azul

14/05/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes en Vigo na presentación do Festival Azul, que organiza o Clúster Náutico Rías Baixas entre o 22 e o 25 de maio por segundo ano consecutivo. Sánchez puxo en valor o “acerto” de converter a Semana Azul nun festival, que significou “poñer en marcha un programa máis dinámico e accesible para un público máis amplo, reforzando a mensaxe de que o mar é un espazo de encontro, cultura, ocio e oportunidades”. A este respecto, a vicepresidenta provincial sinalou que “a ría de Vigo é un espazo privilexiado polo seu valor natural e paisaxístico e polo seu enorme potencial como motor do desenvolvemento económico sostible”.

Luisa Sánchez destacou a aposta decidida da Deputación polo deporte náutico “como ferramenta de inclusión, educación en valores e dinamización social e económica”. Neste sentido, felicitou o Clúster pola iniciativa e pola “atención especial á xente nova, xa que é vital que as novas xeracións coñezan, valoren e vivan a nosa cultura mariñeira: forma unha parte esencial da nosa identidade como pobo”.