Luisa Sánchez salienta o papel da Sala Ártika como referente das artes escénicas na presentación da súa nova tempada

30/06/2026

Luisa Sánchez salienta o papel da Sala Ártika como referente das artes escénicas na presentación da súa nova tempada

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes na presentación da programación da nova tempada da Sala Ártika de Vigo, onde puxo en valor o papel deste espazo coma “un referente das artes escénicas na cidade e en toda a provincia” e felicitou ao seu equipo polo traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos. Durante o acto, Luisa Sánchez salientou que cada nova programación “é unha boa nova para o público, para as compañías e para a cultura local”, ao ofrecer un escenario de calidade para a exhibición artística.

A nova tempada da Sala Ártika contará con 28 compañías, 25 espectáculos diferentes e máis de 40 citas co público, articuladas arredor de cinco festivais e ciclos, cunha oferta que abrangue teatro, danza, circo, música, monicreques e actividades formativas. A vicepresidenta recordou o compromiso da institución provincial coas artes escénicas a través de iniciativas como +Escénicas e doutras liñas de colaboración co sector, co obxectivo de seguir fortalecendo a oferta cultural e facilitar o acceso a ela.