Luisa Sánchez salienta a “forte pegada” da Deputación en Vigo con máis de 20 millóns de euros destinados á cidade no orzamento provincial de 2026
A vicepresidenta salienta a aposta por Balaídos, o Teatro Cine Fraga, os investimentos con cargo ao convenio anual e as múltiples axudas a deporte, cultura, política social ou asociacionismo
29/10/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, salientou este mércores a “forte pegada” que volverá deixar a institución provincial na cidade de Vigo a través dos seus orzamentos anuais. Tal e como informou en rolda de prensa, as contas correspondentes a 2026 destinarán máis de 20 millóns de euros á urbe olívica a través das diferentes áreas, desde cooperación ata cultura, pasando por emprego ou deportes.
Neste importe -que engloba investimentos, patrocinios, axudas, subvencións “e un longo etcétera de apoios económicos a eventos, asociacións, empresas ou deportistas”- destacan os fondos destinados a grandes actuacións como a reforma da bancada de Gol, que recibirá en 2026 unha inxección de 5,3 millóns de euros. Luisa Sánchez recordou que o organismo provincial completará a remodelación do estadio de Balaídos tras achegar un total de 28 millóns de euros, trece dos cales van parar á devandita grada.
Ademais, puxo en valor os 1,2 millóns de euros que permitirán iniciar as obras de recuperación do Teatro Cine Fraga. Neste sentido, subliñou o “éxito rotundo” que están a supoñer as visitas guiadas. “O nivel de asistencia rexistrado demostra que acertamos cando adquirimos esta emblemático inmoble e abrimos as súas portas á cidade”, valorou.
No relativo a investimentos, tamén confirmou a continuidade da colaboración co Concello de Vigo para transferir directamente ás arcas municipais 5 millóns de euros que redunden na mellora de infraestruturas e dotacións da cidade. A este respecto, lanzou unha serie de propostas de cara a 2026, como a reforma de das instalacións deportivas de Cabral, O Carme, Monte da Mina, Zamáns ou Virxe da Guía, a construción do campo de béisbol prometido por Abel Caballero ou a remodelación de centros socioculturais como os de Beade e Candeán. Actuacións todas elas que encaixarían no convenio bilateral que cada ano asinan as dúas administracións públicas.
Por outra banda, Luisa Sánchez mencionou algúns dos eventos deportivos, culturais ou sectoriais que se celebran en Vigo con apoio directo da Deputación como Navalia, Vigo Seafest, La Solitaire du Figaro, Rallye Rías Baixas, Torneo 5x5 de Balonmano, Vigo Tennis Open, Aquafuture Spain, Stonegal, Feira do Marisco, Vigo Porté, HematoFesti, Galicia Fest, Gastro Movida ou Desafío Boot Camp, entre moitos outros. Tamén fixo referencia ao apoio que reciben institucións como a Universidade de Vigo para o desenvolvemento da súa actividade e para colaborar en accións e iniciativas de diversa índole.
Adicionalmente, recordou que a Deputación subvenciona preto de 170 clubs deportivos, outorga bolsas a máis de 100 deportistas, patrocina máis de 400 actuacións culturais e axuda economicamente a máis 20 entidades veciñais e comunidades de augas de Vigo. Do mesmo xeito, apoiarase a entidades sociais locais como Érguete, Banco de Alimentos, Down Vigo, Plan Comunitario de Teis, Adicam ou Rede de Mulleres contra os Malos Tratos.
“As contas anuais da Deputación volven centrar a súa ollada en Vigo, a principal cidade da provincia e onde o actual goberno provincial inviste mais que nunca”, resumiu Luisa Sánchez.
Obras en execución ou presupostadas
Ademais das partidas contempladas no orzamento de 2026, a institucional provincial está a “reforzar a súa presenza en Vigo” financiando multitude de obras de mellora. Así, a vicepresidenta repasou algunhas das intervencións en marcha, como as reformas da rúa San Roque, Pintor Colmeiro ou Clara Campoamor, o novo ascensor da rúa Juan Ramón Jiménez, as reparacións da cuberta da pista vermella das Travesas, do muro do parque Nelson Mandela e do muro do campo de fútbol de Sárdoma, ou a propia bancada de Gol. Obras estas que suman un investimento próximo aos 12 millóns de euros.
Ademais, está en proceso de licitación a renovación do parque de xogos de Finca Matías, ao que a Deputación dedica 2,5 millóns. Por outra banda, está a piques de asinarse o convenio para a reconstrución da piscina de Teis por un importe de 5 millóns de euros.
Polo tanto, sumando estas contías aos 11,5 millóns previstos no capítulo de investimentos para 2026, a Deputación provincial ten en marcha ou presupostadas obras por valor de 31 millóns de euros en Vigo. “Esta é a presenza da actual Deputación en Vigo; esta é a nosa pegada na cidade”, concluíu.
