A Deputación abre este luns o prazo de inscrición para participar nas Rutas das Maceiras en Flor, que terán lugar o próximo sábado, 9 de maio, na Estrada

O organismo provincial organiza tres rutas con saída e chegada á Capela de San Roque de Pontevedra para visitar as sidrarías Rabiosa, Peroja e Camino. Os percorridos inclúen visitas a plantacións e degustacións

02/05/2026

A Deputación de Pontevedra abre este luns o prazo de inscrición para participar nas Rutas das Maceiras en Flor, que terán lugar o próximo sábado 9 de maio no Concello da Estrada. O organismo provincial organiza un total de tres rutas con saída e chegada á Capela de San Roque de Pontevedra para visitar as sidrarías Rabiosa, Peroja e Camino. Os percorridos inclúen visitas a plantacións de maceiras en flor e degustacións nas sidrarías e o organismo provincial oferta 120 prazas, 40 por cada unha das rutas. En cada solicitude poderanse anotar ata un máximo de catro persoas e as prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición ata completar o aforo dos percorridos.

Os tres itinerarios ofertados pola Deputación de Pontevedra están pensados para todos os públicos e as inscricións pódense realizar a través dun formulario habilitado na páxina web de Turismo Rías Baixas. Deste xeito, ás 10:00 horas partirán dúas rutas desde a Capela de San Roque de Pontevedra: a Rabiosa, que inclúe unha visita á plantación de Pardemarín e á sidraría Rabiosa, e a Peroja, que percorre a plantación de Agar seguida dunha visita á sidraría Peroja. O regreso á capela de San Roque destes dous roteiros está previsto para as 14:45 horas. 

Pola súa banda, ás 16:00 horas arrancará desde Pontevedra a Ruta Camino, que contempla unha visita á plantación de Moreira e á sidraría Camino. Neste caso, o regreso á capela de San Roque terá lugar a partir das 20:45 horas.

As Rutas das Maceiras en Flor trátanse de experiencias completas arredor do mundo da mazá e da sidra, con visitas a plantacións de maceiras autóctonas, percorridos guiados por sidrarías locais e degustacións de produtos elaborados a partir de mazás da provincia. Uns percorridos únicos que combinan natureza, tradición e gastronomía local e permitirán divulgar un sector económico clave da provincia de Pontevedra.